Inaugúrase en Brión “3.236 días”, a mostra que reúne as mellores obras de Fernando Yáñez

Fernando Yáñez xunto a unha das súas obras
O artista lucense afincado en Brión Fernando Yáñez presentou na sala municipal de exposicións de Brión a súa mostra “3.236 días”, unha exposición retrospectiva que fai un percorrido pola series máis significativas do seu traballo artístico entre os anos 2003 e 2012. Un acto presidido polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, e no que estivo arroupado por medio cento de veciños e veciñas do municipio.
Yáñez explicou que “como indica o título da exposición, son 3.236 días de dedicación á pintura, de traballo artístico que deu como froito unha ampla creación plástica reflectida en series como Espacios de vacío, Réquiem, Lares e Telares”. Unha obra fundamentalmente abstracta, que evoluciona ao longo destes nove anos inspirada por vivencias persoais, a música de Mozart ou Galicia, a súa terra natal.
Na obra de Fernando hai algo relixioso, con referencias ao sagrado nos seus cadros: a Saba Santa de Turín e o eco do Apostolado de Riveira. Relación co relixioso que culmina na súa máis recente obra: A.M.E.N., título baixo o que se agochan siglas que fan referencia aos catro piares básicos desta serie: Alma, Momento, Espazo e Necesidade.
Con diversas exposicións en Madrid, cidade na que residiu, Valencia, Teruel, Santander, Vigo, A Coruña ou Santiago, Fernando afronta a súa primeira mostra en solitario en Brión, que vai permanecer aberta ao público dende o 4 ao 25 de outubro na sala de exposicións de Brión, sita na planta baixa da Casa da Cultura. Previamente, Yáñez xa participara nas exposicións colectivas dos Premios Novos Valores de 2010 e 2011, convocados polo Concello de Brión.











