I Xornadas Gastronómicas da Caza, Cogomelos e Castañas en Puertas de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseVerín
A-
A+

Do 01 ao 10 de novembro, terá lugar a primeira edición das Xornadas Gastronómicas da Caza, Cogomelos e Castañas no territorio Puertas de Galicia, que engloba a doce municipios das comarcas de Verín e Conso-Frieiras.

O outono é unha das estacións máis atractivas no noso territorio, non só e tempo de vendima, recollida de cogomelos e castañas, senón tamén o momento perfecto para desfrutar dunha boa mesa. Por este motivo, e enmarcado dentro do programa ‘Catro Estacións Gastronómicas en Puertas de Galicia”, arranca esta iniciativa destinada a potenciar a oferta enogastronómica destas dúas comarcas do sur de Ourense. 

Na mesma participan 20 restaurantes de Verín e Conso-Frieiras que proporán, durante esas xornadas, menús diferentes que teñen como produtos estrelas as castañas, cogomelos e caza. Os establecementos participantes son Restaurante Brasil, Restaurante Casa Manola, Mesón O Candil, Casa Elena, Restaurante O Castelo, Mesón Castaño, Restaurante Cazador, Restaurante Bruma II, Casa Zapatillas, Restaurante Gallego, Aldea Rural A Cortiña, Área de Servicio O Viaxeiro, Restaurante O Augueiro, Asador’s Jose, Café Rock Jose, Mesón de Erosa, Restaurante O Marcolongo, Café Bar Gandainas, Restaurante San Roque e Hotel Spa Vilavella. Nos mesmos, e entre os 11 e 30 euros, poderanse degustar pratos como ensalada de paspallás con pementos e Oímbra e crema de castañas, ensalada morna de boletus, xabaril estufado con salsa castelá, ensalada morna de perdiz escabechada, croquetas de castaña e cogomelos ao ajillo, medallón de xabaril sobre tosta de pataca e salsa de boletus con cebola acaramelada, caldo de castañas, arroz con coello de monte, corzo ao estilo Monterrei, flan de castaña, follado recheo de mousse de castañas e nata con salsa de vainilla ou torta de filloas con crema de castañas. Unhas exquisitas combinacións gastronómicas dos produtos da terra acompañados por viños da Denominación de Orixe Monterrei e augas de Verín.

Por outra banda, e tamén dentro da primeira edición das Xornadas Gastronómicas da Caza, Cogomelos e Castañas, terá lugar un concurso fotográfico a través da páxina web www.catroestacionsgastronomicas.com e da páxina do noso www.facebook.com/puertasdegalicia onde se poderá gañar un delicioso menú degustación en calquera dos 20 establecementos participantes nesta iniciativa gastronómica.

O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e doce municipios (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.

30 de outubro de 2013 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.