I Salón Galego de Familias Numerosas e o VII Congreso de Familias Numerosas en Expocoruña
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, participou esta mañá na inauguración do I Salón Galego de Familias Numerosas e o VII Congreso de Familias Numerosas organizado pola Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) que se celebra en Expocoruña durante hoxe e mañá.
Ao acto tamén asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; a conselleira de Benestar, Beatriz Mato; e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira. En representación das familias participaron na inauguración o presidente de Agafan, Luis Sánchez; o delegado da asociación na Coruña, José Manuel Perala; e a presidenta da Federación Española de Familias Numerosas, Eva Holgado.
O presidente da Deputación recordou que, como no anterior congreso, “diríxome a vós desde a admiración que sinto por todos os homes e mulleres que crean e coidan de grandes familias, a admiración que sinto polo voso sacrificio e a vosa forza de vontade, especialmente durante os últimos tempos nos que a crise recrudeceu a situación de tantísimas familias”.
Calvo explicou que durante estes dous anos “aprendemos que hai un camiño para saír desta crise que pasa por botar man dalgúns valores coma coherencia, colaboración, cooperación… valores que coinciden cos que vós, como familias numerosas, poñedes en práctica cada día”.
“Os vosos valores son os que levamos dous anos explicando desde a Deputación á nosa ‘familia numerosa’, aos 93 concellos que compoñen a provincia da Coruña”, indicou o mandatario provincial para engadir que “agora somos capaces de entender que sumando as posibilidades de dous ou máis municipios, é posible que os seus veciños teñan máis e mellores servizos”.
O presidente explicou que este congreso bienal “para vós é un día de compartir experiencias, pero ás administracións serve para recordarnos o importantes que son as familias numerosas na nosa sociedade”. Antes de rematar a súa intervención, Calvo tamén felicitou á organización do congreso “por continuar medrando con novas iniciativas coma o Salón Galego”.











