Gondomar reformará a súa praza da abastos

Recorrido pola praza de abastos de Gondomar
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou un percorrido pola praza de abastos do concello para coñecer as instalacións e dar conta da reforma e mellora que vai a acometer o goberno local grazas á axuda que ven de recibir da Consellería de Economía e Industria. Na visita, a delegada estivo acompañada polo alcalde da localidade, Fernando Guitián, polo xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial, e varios membros da Corporación municipal.
Ao abeiro do programa de axudas aos concellos galegos para a mellora competitiva do comercio de proximidade que convocou a Dirección Xeral de Comercio, o Concello de Gondomar foi un dos beneficiarios deste tipo subvencións recibindo así preto de 22.000 euros. Segundo explicou a delegada da Xunta, o mercado de Gondomar “cumpre cunha función esencial ao constituír un espazo de centralidade comercial, aspecto que se quere reforzar coa renovación dos seus accesos”.
O proxecto pretende acometer o deseño e renovación das portas da praza de abastos. Na actualidade conta con seis portas de acceso, catro dan ás rúas Rosalía de Castro e a Manuel Alonso, e as outras dúas dan ao aparcadoiro, ao lado do río Zamáns. Tras a reforma, as catro portas de acceso público estarán completamente renovadas, e as outras dúas (as do aparcadoiro), se pretende que sexan persianas para estar abertas soamente en horario comercial. “A Xunta aposta por promover un mercado aberto, participativo e dinámico, máis próximo aos veciños e veciñas”, considerou.
Por último, a representante da Administración autonómica en Vigo sinalou que se trata dunha importante iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Comercio coa finalidade de impulsar a renovación e a mellora das rúas e zonas comerciais e a potenciación dos mercados e prazas de abastos, sempre co obxectivo de promover a súa excelencia e posicionalos como líderes na venda de produto fresco e perecedoiro.
O programa de axudas aos concellos galegos enmárcase na estratexia da Xunta de impulso ao comercio “como elemento vertebrador das vilas e cidades galegas e sector de relevancia para a reactivación económica”, dixo Bravo Bosch. Contou cun orzamento global de 4,5 millóns de euros e a finalidade deste tipo de axudas céntrase na adecuación e modernización das rúas e zonas comerciais ou a potenciación das prazas de abastos. Dentro desta estratexia de apoio ao comercio, a Consellería de Economía e Industria leva convocado ao longo deste ano axudas por un total de 8 millóns de euros para mellorar a competitividade do comercio de proximidade.











