Gondomar asina un convenio de colaboración para mellorar as instalacións do auditorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián; asinaron hoxe o convenio a través do que ambas as entidades colaborarán para executar a renovación das melloras do auditorio desta localidade pontevedresa. O obxectivo deste acordo é pór a disposición das gondomareñas e gondomareños un espazo axeitado para desfrutar dunha completa oferta cultural de calidade.

A achega da Consellería para a realización destas obras ascende a 170.000 euros, en dúas anualidades. En concreto realizaranse actuacións para reordenar o acceso ao conservatorio, acondicionar vestiario e camerinos, ampliar o escenario do auditorio e mellorar o seu vestíbulo e platea. Asemade, renovarase o acceso exterior do edificio, definindo unha zona para carga e descarga.

A través deste convenio Cultura e Educación reitera a súa aposta por dotar ás zonas máis afastadas dos circuítos habituais das grandes cidades de espazos axeitados nos que poder ofrecer unha ampla e variada oferta de actividades, achegando así a cultura a todas as galegas e galegos.

Á sinatura do convenio asistiron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e os concelleiros de Cultura e de Educación de Gondomar, Ignacio Troncoso e Paula Barros, respectivamente.

28 de outubro de 2013 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.