Gómez Noya recibe a maior distinción española a un deportista, a medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo
Javier Gómez Noya recibirá a medalla de ouro ao Mérito Deportivo, condecoración outorgada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O triatleta ferrolán obterá a maior distinción coa que un deportista poder ser recoñecido en España. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, fixo fincapé na importancia que ten a concesión desta distinción que é “outro recoñecemento para quen sen dúbida é o deportista máis destacado de Ferrol e que leva moi alto o nome da nosa cidade por todo o mundo”. Neste sentido, Rey Varela sinalou que “a todos os ferroláns nos ten que producir unha enorme satisfacción que un Fillo Predilecto da cidade obteña estes recoñecementos, que premian non soamente unha exitosa carreira deportiva senón tamén os valores que representa Gómez Noya: superación, tesón, esforzo e competitividade; valores que todos queremos para Ferrol”.
Gómez Noya, que recibiu o pasado mes de xuño a distinción de Fillo Predilecto de Ferrol, conseguiu por terceira vez alzarse co título mundial de triatlón na súa carreira deportiva. Fito histórico que o pasado mes de setembro o converteu en tricampión do Mundo, despois de facerse co primeiro posto nos Campionatos do Mundo 2008 e 2010. O palmarés do ferrolán tamén destaca a medalla de prata dos Xogos Olímpicos de Londres, celebrados o verán pasado.
Así, o medallista olímpico verá recoñecida a súa excelente carreira deportiva coa maior distinción que se outorga en España a un deportista, a medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo. O acto de entrega desta condecoración será o vindeiro día 29 de outubro en Madrid.











