García Seoane participa no Foro de Boas Prácticas Ambientais nas Administracións Locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+
García Seoane na conferencia

García Seoane na conferencia

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, participou esta mañá no Foro Boas Prácticas Ambientais nas Administracións Locais, que ao longo desta semana organiza o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, situado no castelo de Santa Cruz. García Seoane levou a cabo un relatorio no que transmitiu as claves da xestión do Goberno local de Oleiros en materia de xestión ambiental ao longo das últimas décadas. Ademais, durante a súa comparecencia, o rexedor falou da experiencia da candidatura de Oleiros no certame The Internaticional Awards for Liveable Comunities, no que obtivo o galardón de prata na edición de 2012, e da importancia de iniciativas como esta, na que as distintas comunidades poden intercambiar experiencias útiles para a súa xestión no futuro.

García Seoane destacou a importancia do planeamento urbanístico como ferramenta para forxar unha eficaz xestión ambiental, xa que o planeamento permite organizar e lexislar sobre o territorio e os seus usos tendo en conta aspectos encamiñados a mellorar a calidade de vida como a conciencia medioambiental. O rexedor tamén destacou a importancia de manter unha relación fluída e próxima co cidadán para atender ás súas necesidades e para convencelo da importancia de preservar a natureza naqueles casos nos que fose necesario. O relatorio, de aproximadamente unha hora de duración finalizou co pase dun curto documental sobre o municipio de Oleiros e o seu estilo de vida.

24 de outubro de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.