“G10” e “Salao” proclámanse vencedores da VIII Regata solitarios e a dous na Coruña
O sábado ás 15.00 horas dábase a saída desta regata para completar un percorrido esixente de 19 millas náuticas, que comezaba cun desmarque de 1 milla en cinguida ata a baliza da Guisanda, para logo navegar 4 millas en empopada cara á baliza cardinal do Porto Exterior. Ao saír do abrigo da baía coruñesa comezaron as dificultades con ondas de mar de fondo do norte que se encontraban coas ondas formadas polo forte vento do sur, que complicaban moito a navegación.
Na cabeza da frota navegaban o “Kotablue” de Vilariño – Míguez, aínda que sen despegarse moito do “Araucaria” de Cobelo-Cobelo e da “Fazula” de Igrexas – Edreira, mentres que en clase 3-4 a igualdade era tamén patente e navegaban agrupados o “Golafre” de Calvo – Rela, o “Abordaxe” de Ricardo Fraga, o “Salao” de Rivero – Alvarez e o “Argallán” de Aguiar – Plana.
A última parte da regata foi a mais dura, cunha longa cinguida de volta a Coruña, onde se facía patente o difícil de navegar estes barcos “A DOUS”, o primeiro barco en cruzar a liña de chegada foi o “Kotablue” de Vilariño – Míguez, aínda que non coa suficiente vantaxe para gañar a proba en tempo compensado, que foi para o “G10” tripulado polos irmáns José e Prisca Naya, por diante do “Araucaria” de Cobelo-Cobelo e da “Fazula” de Igrexas – Edreira. Na clase 3-4, os barcos de menor eslora, o vencedor en tempo compensado foi o “Salao” dos coruñeses Rivero – Alvarez, por diante do “Patacón” tripulado por Ubago – Vilar, e en terceira posición o “Golafre” de Calvo – Rela.











