Fundación Ortegalia programa unha nova edición do ciclo infantil de talleres “Ortearte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

Trala boa acolleita do ciclo de talleres do mes de agosto, Fundación Ortegalia retoma este mes as actividades infantís “Ortearte”, destinados a facilitar aos máis pequenos da casa o achegamento á historia, etnografía e medioambiente de Ortigueira e a súa comarca. En principio, están previstas catro sesións para as que xa está aberto o prazo de inscripción.

En cada un dos talleres, ademais de recibir a correspondente introdución teórica, os participantes, pícaros/as de entre 5 e 12 anos de idade, poderán divertirse realizando actividades plásticas orientadas a familiarizarlos dun modo alternativo con distintos momentos históricos.

Así, na proposta denominada “Os celtas” (martes 15 outubro) revisaranse os símbolos celtas e a relación deste pobo coas árbores. En “Do As ao Euro” (xoves 17 outubro) propoñerase unha introdución ao campo da numismática. “Romanos do século XXI” (martes 22 outubro) revisará o legado que conservamos dos romanos na nosa vida cotiá. E, finalmente, o xoves 24 de outubro, prográmase un taller sobre etnografía e medio ambiente, centrado nos molinos e a importancia das enerxías renovables.

As actividades, de 90 minutos de duración cada unha, desenvolveranse a partir das 18:00 horas no Museo Ortegalia e contarán co respaldo da Consellería de Cultura. Para anotarse é preciso dirixirse á Fundación (teléfono 981402413), onde se ofrecerá información adicional sobre a iniciativa lúdica.

O prazo de inscripción concluirá o venres 11 de outubro e o custo por taller será de 4 euros por menor, con descontos do 50% aplicable ao segundo e seguintes menores inscritos da unidade familiar.

1 de outubro de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.