Frades inviste 51.000 euros na mellora enerxética do alumeado público, substituíndo 120 luminarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades vén de investir un total de 50.991 euros na mellora da eficiencia enerxética do seu alumeado público, o que permitiu a renovación dun total de 120 luminarias en tres puntos do municipio: o núcleo urbano de Ponte Carreira e nos núcleos rurais de Os Canedos (Mesos) e Pazo (Galegos). Un investimento incluído dentro dun proxecto conxunto cos municipios de Ordes e de Trazo, que conta cun orzamento global de 178.702 euros e que foi subvencionado polo INEGA con 151.897 euros.

No caso concreto de Frades, o proxecto supuxo un investimento de 50.991 euros, dos que o Concello tivo que achegar 8.400 euros. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o investimento que fai o Concello de Frades case que o recuperamos nun ano, pois o aforro enerxético que nos suporá este proxecto é duns 6.000 euros anuais”. De feito, a pesar de non ser o proxecto cun maior orzamento, Frades será o municipio que máis cartos aforrará anualmente dos tres integrantes deste proxecto.

Isto é posible debido á substitución das antigas lámpadas de vapor de sodio e de mercurio de entre 80 e 100 w de potencia, por outras de halogenuro metálico moito máis eficientes e de menor consumo que permitirán un aforro de ata o 70%, en potencia. Un aforro que, en cartos e logo das últimas subas das tarifas, se traduce nunha redución de máis do 40% da factura eléctrica municipal.

“Ademais do aforro enerxético, tamén se gaña en calidade de vida xa que substituímos as luces amarelas das lámpadas de socio por unha luz branca que ofrece unha maior luminosidade, como xa teñen comprobado os veciños de Ponte Carreira onde o cambio foi moi importante”, sinala Roberto Rey. De feito, en Ponte Carreira cambiáronse 84 luminarias de vapor de sodio por halogenuro metálico, o que concentro o aforro enerxético do proxecto. No caso das actuacións nos Canedos (Mesos) e Pazo (Galegos) substituiranse 14 e 22 luminarias, respectivamente.

30 de outubro de 2013 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.