Frades implantará en breve o servizo a domicilio de fisioterapia e perruquería
O Concello de Frades vai manter o servizo gratuíto de podoloxía a domicilio, un programa pioneiro que puxo en marcha a principios deste ano en colaboración coa Deputación da Coruña e que presta servizo a persoas dependentes e a maiores usuarios/as dos Servizos Sociais municipais. O éxito desta iniciativa, unido ás demandas realizadas polos propios veciños e veciñas aos técnicos dos Servizos Sociais de Frades durante o seu plan de visitas ás persoas maiores que viven soas no municipio, motivou a que o Concello decidira ampliar o programa e ofertar dous novos servizos gratuítos: fisioterapia e perruquería.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “a petición que máis se repetiu durante as visitas aos maiores que viven soas en Frades foi a dun servizo de fisioterapia semellante ao que estamos a prestar de podoloxía, polo que o implantaremos proximamente”. Un servizo ao que se engadirá tamén o de perruquería, tamén bastante demandado polos veciños e veciñas do municipio.
Anotacións
Os veciños e veciñas que estean interesados en disfrutar dalgún destes servizos de podoloxía, fisioterapia ou perruquería gratuítos poden informarse e anotarse nos Servizos Sociais do Concello de Frades ou chamando ao teléfono 981 69 55 67. Terán prioridade as persoas dependentes, con algún tipo de discapacidade e aquelas que determinen os Servizos Sociais de Frades.
Ao igual que se fixo co servizo de podoloxía, o número de sesións por veciño determinarase de acordo co número de solicitudes que se presenten e os días das visitas organizaranse en función da localización dos usuarios nas distintas parroquias de Frades. Durante os últimos oito meses, unha vintena de veciños e veciñas de Frades veñen recibindo gratuitamente todo tipo de tratamentos relacionados con afeccións das uñas, fungos, deformidades nos pes, callos, durezas, etc que redundan nun maior benestar desa persoa.