Frades aproba un expediente de modificación de crédito por 123.000 euros para obras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Instante da sesión plenaria

Instante da sesión plenaria

O pleno municipal de Frades aprobou esta mañá un expediente de modificación de crédito de 123.000 euros para obras, alumeado público e recollida de lixo, principalmente. Un expediente, informado positivamente pola Intervención Municipal, que foi aprobado cos votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do BNG.

O concelleiro Manuel Ferreiro explicou que eses 123.000 euros correspóndense “con 68.000 euros de ingresos a maiores non contemplados nos orzamentos e que proceden de transferencias da Xunta, da Deputación e do Estado, así como do incremento de algo máis de 54.000 euros en gastos”. A partida máis importante é a correspondente ao consumo eléctrico e recollida do lixo, así como para realizar as achegas municipais naquelas obras para as que se conseguiron fondos doutras administracións.

Así mesmo, o pleno municipal tamén aprobou a Conta de 2012, informada favorablemente pola Intervención municipal e despois de que fose exposta publicamente sen recibir alegación algunha. A proposta foi aprobada cos votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do BNG. Finalmente, o pleno municipal ratificou a proposta de festivos locais para 2014 aprobada en Comisión de Goberno. Así, os festivos locais en Frades serán o martes 4 de marzo (Martes de Entroido) e o luns 29 de setembro (San Miguel).

1 de outubro de 2013 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.