Formación en valores mediante a radio e a música na Estrada
Os obradoiros impartidos pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios estréanse o xoves cun grupo de persoas con discapacidade intelectual.
A Estrada estrea o xoves 10 de outubro os obradoiros de radio para a formación en valores a través da música que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promove en dez dos seus concellos socios. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) imparte esta actividade que terá lugar os días 10 e 17 de outubro, entre as 16.30 e as 19.30 horas, nas instalacións da Asociación Galega das Artes. Participarán un grupo de quince persoas adultas con discapacidade intelectual que asisten aos talleres ocupacionais e artísticos que está a desenvolver alí o Concello.
A iniciativa busca sensibilizar á cidadanía sobre os Dereitos Humanos e os Obxectivos do Milenio, fomentando á vez as habilidades de participación, a través da comunicación para o desenvolvemento. Nas capacitacións adquiriranse as destrezas básicas para elaborar unha peza radiofónica na que se reflexionará mediante a música arredor de temas como a igualdade, a convivencia pacífica, as causas da pobreza ou o coidado do medio ambiente. O apartado musical pode complementarse con entrevistas, enquisas na rúa, etc.
Os obradoiros teñen unha duración de seis horas estruturadas en dúas xornadas. Na primeira impartirase unha introdución ao medio radiofónico para coñecer as súas características, a linguaxe ou os xéneros xornalísticos, amais de explicar os ODM e os DDHH. Na segunda sesión poranse en común as cancións recompiladas, para logo realizar guión e a gravación. Nos casos en que sexa posible, a práctica realizarase nunha emisora municipal. O espazo resultante emitirase en Agareso Radio e pendurarase no web www.fondogalego.org como podcast, e cederase asemade ás canles locais. A actividade encádrase no Plan de Sensibilización do Fondo Galego e conta co apoio da Xunta de Galicia.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.











