Flores asegura que a peatonalización do Parrote-Marina é o maior proxecto de transformación urbana da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O voceiro do Goberno municipal, Julio Flores, asegurou esta mañá que a peatonalización no tramo Parrote-Marina é o maior proxecto de transformación urbana que se esta levando a cabo nas cidades galegas. “No primeiro trimestre de 2015 imos poder soterrar os 30.000 vehículos que circulan cada día por esa zona e imos devolver máis de 52.000 metros cadrados aos coruñeses e aos turistas que visiten a nosa cidade” explicou Flores.

O voceiro municipal mostrou a súa sorpresa pola recomendación realizada polo alcalde de Pontevedra de peatonalizar o centro da cidade. “Ese proxecto xa se esta realizando entre o Parrote e La Marina, quizais o Sr. Lords debera falar co voceiro do BNG na nosa cidade para que deixe de criticar este proxecto e convencelo das súas bondades” sinalou Flores.

BENESTAR DOS CIDADÁNS

O voceiro municipal subliñou que o Concello deu pasos decisivos en proxectos que supoñen unha mellora da calidade de vida dos cidadáns, ao tempo que contribúen a xerar emprego e actividade económica, como son os proxectos que melloran a accesibilidade – máis de 500 obras en marcha, programa de instalación de ascensores en edificios e solucións de mellora de accesibilidade mediante ascensores e escaleiras mecánicas en espazos públicos – e a nova ordenanza para evitar a contaminación acústica.

O voceiro destacou a grande acollida que tivo entre os veciños o Plan de Ascensores e animou os cidadáns a achegarse á Oficina de Rehabilitación para consultar a liña de axudas municipais e resolver todas as cuestións técnicas que poden posibilitar a colocación dun elevador nos edificios.

Sobre a ordenanza de ruídos, Flores sinalou que a reunión celebrada coas dúas federacións de veciños e coa Asociación de Empresarios de Hostalaría permite sentar as bases da nova ordenanza municipal que regulará a protección contra a contaminación acústica, que actualmente está en fase de redacción e que vai substituír á normativa vixente aprobada hai 16 anos.

O voceiro do Goberno municipal explicou que se trata dunha nova ordenanza na que se coordinan tres concellarías (Urbanismo e Infraestruturas, Medio, e Seguridade Cidadá): “A intención é desenvolver dúas ordenanzas específicas, unha para licenzas e outra para o control da contaminación acústica. O principal obxectivo é traballar na mellora das condicións de calidade acústica na cidade e permitir a música ambiental nos establecementos de hostalaría que cumpran os requisitos de insonorización para garantir o dereito ao descanso dos veciños”, indicou, e continuou: “Tivemos que esperar á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que contén a actualización do mapa de ruídos da cidade, e agora estamos á espera de de que a Xunta traslade a nova normativa de ruído autonómica para dar maior seguridade xurídica á normativa municipal”.

REPSOL

Flores valorou positivamente o comezo do traslado da actividade de REPSOL en San Diego ao Porto Exterior e recordou que “hai 10 anos que se asinou o proxecto do porto exterior e se anunciou a liberalización dos peiraos de San Diego, pero nos seis primeiros anos ninguén chamou a REPSOL para que comezase o traslado. Tivo que chegar o novo presidente da Autoridade Portuaria para empezar as negociacións”, explicou e continuou: “Os que agora protestan polo comezo do traslado non levantaron o teléfono en seis anos”.

O voceiro sinalou que o acordo vai permitir que REPSOL invista 125 millóns nas súas novas instalacións en Punta Langosteira para garantir a actividade económica e o emprego. “Este acordo supón o respaldo definitivo á viabilidade técnica e operativa do Porto Exterior, pon data de caducidade ao oleoduto que atravesa a nosa cidade e afasta da ría os grandes petroleiros” finalizou.

25 de outubro de 2013 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.