Ferrol terá un 70% do orzamento do programa urban executado antes de finalizar o exercicio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Economía, Facenda e Recursos Humanos do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, deu conta hoxe aos grupos municipais do estado de actuacións do Programa Urban na comisión informativa da área. O edil ferrolá sinalou que se estima que a finais de 2013 este executado ou comprometido o 71% dos fondos do programa e o restante no vindeiro ano 2014.

O orzamento total do programa ascende a 10.004.391 euros, distribuídos en sete anualidades e con prazo de execución entre 2009 e 2015. O programa Urban conta cunha achega do 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o que supón unha subvención europea de 8.003.513 euros. Actualmente, un 31,98 % do orzamento total está executado e tramitado, así como un 15,23 % máis que se atopa comprometido, o que supón un 47,21 %.

Ademais, Langtry Caínzos explicou que se atopa en proceso para licitación a reurbanización da rúa Alegre cun orzamento base de 1.363.768 euros, mentres que a outra obra que proximamente se licitará é a construción e equipamento do Centro Cívico, para Persoas Maiores e Atención a Infancia de Canido, por un importe de licitación de 1.040.000 euros. Estas dúas obras suporán un incremento do investimento comprometido en 2013 de 2.403.768 euros. Así, o orzamento global executado e comprometido a final do presente exercicio será dun total de 7.126.191, é dicir, dun 71% do total do Programa Urban.

Participación cidadá e mellora administrativa

Outro dos asuntos tratados na comisión ordinaria desta mañá foi a proposta de creación da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións. Esta medida,  que será levada ao pleno de finais de mes, permitirá a presentación de suxestións e reclamacións por parte dos cidadáns ante a Administración municipal. A participación cidadá e a mellora administrativa serán os obxectivos da comisión.

O Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, aprobado por unanimidade en sesión plenaria o pasado ano 2009, establece que é competencia do pleno a creación da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións. Así, esta comisión estará presidida polo alcalde ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, e integrada polos concelleiros de todos os grupos políticos da Corporación Municipal.

8 de outubro de 2013 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.