Ferrol roza preto de 10.000 metros lineais de marxes de camiños e cunetas en Brión
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe a parroquia de Brión para supervisar xunto cos representantes veciñais da zona as actuacións acometidas esta semana polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello de Ferrol. Estas intervencións forman parte da segunda fase do Plan de Barrios, programa posto en marcha polo Goberno Municipal, e permiten intensificar de maneira coordinada a actividade dos diferentes servizos municipais para responden ás peticións veciñais de cada un dos barrios da cidade. O primeiro edil acudiu a este encontro de traballo cos representantes da Asociación de Veciños de Brión acompañado pola concelleira de Participación Cidadá e voceiro do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros.
Rey Varela sinalou “a importancia de manter un contacto periódico directo coas entidades veciñais tamén na zona rural, e que estas poidan manter unha comunicación fluída tanto cos representantes do goberno como cos técnicos municipais”. Ademais, o alcalde ferrolán repasou as actuacións de mellora e mantemento levadas a cabo en materia de roces, limpeza, pintado e sinalización, iluminación, abastecemento de auga, e policía local. Estas actuacións que atenden as demandas feitas polos propios veciños/as desta zona do rural ascenden a máis de 12.600 euros e as máis destacadas son as seguintes:
– Roce e chapeo na zona de Blanco Amor, zona do local social, miradoiro das Penas, ximnasio e zona da pista polideportiva.
– Limpeza e lavado de papeleiras e contedores, así como reparación ou substitución dos mesmos.
– Pintado e sinalizado dun total de 48 metros lineais de ceda ao paso e 1,95 de freado de stop. Ademais da colocación de 6 sinais verticais de ceda ao paso, unha de stop e dous espellos circulares.
– Substitución dunha caixa de alumeado e catro difusores.
– Un total de 9.445 metros lineais de roce de viarios e limpeza de cunetas e roce de 0,99 hectáreas de parcelas.











