Ferrol organiza a primeira carreira popular contra o cancro “Corre por Ferrol”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrol
A-
A+

As concelleiras de Deportes e Benestar Social do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós e Rosa Martínez Beceiro, respectivamente, presentaron esta mañá a I Carreira Popular Contra o Cancro “Corre por Ferrol” que se celebrará o vindeiro domingo, día 3 de novembro. No acto de presentación da proba tamén estiveron presentes a presidente da delegación comarcal da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), a psicóloga da entidade, Lucía Barcia, e o organizador técnico, Diego Ezquerro. Este evento está organizado pola AECC e o Concello de Ferrol, a través das Concellerías de Deportes e Benestar Social, e conta co patrocinio de diferentes empresas privadas.

A primeira Carreira Popular Contra o Cancro “Corre por Ferrol” dará comezo ás 11:00 horas na Praza de Armas e percorrerá as zonas emblemáticas da cidade ao longo de 5 quilómetros para a categoría absoluta e outras distancias -comprendidas entre 50 e 2.000 metros- para as categorías menores. Ademais, a xornada contará con actividades como as exhibicións de karate e zumba, entre outras. As persoas que estean interesadas en participar na carreira poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web: www.championchipnorte.com ou na oficina ferrolá da AECC -situada na rúa Real- en horario de 10 a 12 horas. O prezo da inscrición é de 5 euros e rematará o vindeiro mércores, día 30.

A edil de Deportes, Susana Martínez, explicou que este evento “non só é deportivo senón tamén solidario” e sinalou que toda a recadación será integramente para a Asociación Española Contra el Cáncer. Así mesmo, a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez, manifestou que a carreira será un éxito “porque somos unha cidade moi solidaria”. Ao fío disto, sinalou que a proba “non é competitiva, senón familiar e serve para concienciar aos máis pequenos dende unha perspectiva positiva do que supón esta enfermidade”.

Pola súa banda, a presidenta da delegación comarcal da AECC, Isabel Caamaño, quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol “porque traballando unidos chegaremos a máis e entre todos poderemos axudar aos que sofren con esta enfermidade”.

22 de outubro de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.