Ferrol incrementa un 60% a partida presupuestaria para programas preventivos de drogodependencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Goberno Municipal, que preside Jose Manuel Rey Varela, incrementa un 60% o investimento para a posta en marcha de diferentes actuacións en materia de drogodependencias e trastornos aditivos nos ámbitos educativo, familia re xuvenil. Rey Varela, deu conta esta mañá da aprobación desta serie de programas de carácter preventivo en Xunta de Goberno Local, acompañado da concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, e dos representantes da  Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro), a Asociación Lazos Pro-Solidariedade e a  Asociación de Ex Alcohólicos Ferrolterra.

O primeiro edil da cidade explicou que a estratexia nacional sobre drogas 2009-2016 sinala que a actuación dos Concellos é imprescindible en materia de prevención de consumo de drogas, especialmente nos ámbitos escolar, familiar e xuvenil. Así, o Goberno Municipal aprobou esta mañá diferentes actuacións preventivas dentro desta estratexia nacional e seguindo as directrices do Plan de trastornos aditivos de Galicia 2011-2016. O Concello de Ferrol desenvolverá esta serie de programas preventivos conxuntamente con Asfedro, Lazos e a Asociación de Ex Alcohólicos.  A Concellería de Benestar Social destina 59.600 euros a estes tres programas  en materia de drogodependencias e trastornos aditivos, o que supón un incremento do 60% con respecto ao investido no exercicio anterior para a posta en marcha destas actuacións preventivas, que era case de 25.000 euros.

Tres ámbitos de actuación fundamentais

O rexedor municipal explicou que se trata de “diferentes intervencións de sensibilización e formación no ámbito educativo, familiar e xuvenil”. No que atinxe ao ámbito escolar, se realizará como novidade un taller preventivo sobre a correcta utilización das tecnoloxías da información e da comunicación a través do teatro. Así mesmo, o alumnado dos centros educativos recibirán un programa de prevención de consumo de drogas , onde se levarán a cabo actividades didácticas dentro da aula;un programa de prevención selectiva que consiste en reducir os consumo experimentais de cannabis e alcohol; traballo da educación en valores; e o programa “Cinensino”, que consiste no visionado dunha película e posterior traballo na aula en materia preventiva de consumo de sustancias.

Por outra banda, no ámbito familiar serán realizados talleres de pais e nais dirixidos á poboación universal, á poboación con risco de presentar índices de uso ou abuso e aos consumidores de sustancias. Por último, a xuventude contará con intervencións preventivas no entorno do botellón a través dunha unidade móbil que se despraza con educadores a lugar de concorrencia de ocio nocturno. Como novidade, tamén serán levadas a cabo intervencións en autoescolas e formación de mediadores sociais.

7 de outubro de 2013 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.