Ferrol facilita a socialización das persoas maiores e unha alimentación saudable con dous novos comedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, informou que segue aberto o prazo de presentación de solicitudes para os novos Comedores Sénior de Esteiro e de San Pablo-Catabois. Estes dous equipamentos sociais entrarán en funcionamento tan pronto como exista por parte da cidadanía unha mínima demanda, sen agardar a que se cubran todas as prazas dispoñibles. A apertura destes dos novos Comedores Sénior, que están situados nos locais sociais de Esteiro e San Pablo,  responde ao compromiso asumido polo alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, dentro do Plan de Oportunidades; e reiterado aos propios veciños a través do Plan de Barrios.

Así, todos os maiores que estean interesados en dispoñer deste servizo complementario ao de “Axuda no Fogar”, deberán recoller e entregar os modelos de solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. Este servizo de comedor consiste no xantar do mediodía, composto por un menú normal ou de réxime -primeiro e segundo prato, pan, bebida e sobremesa –, e ten como obxectivos facilitar unha alimentación adecuada e equilibrada aos maiores, procurara un espazo relacional e de vínculos de amizade e relación coa comunidade, ademais de evitar e previr o deterioro das condicións de vida dos nosos maiores. Ademais, os maiores participan en actividades que se organizan nos propios comedores.

Coa próxima apertura destes dous novos comedores os maiores ferroláns contarán con 60 prazas máis, o que supón un total de 120 cos comedores que xa se atopan en funcionamento no Ensanche, na rúa de Río Xubia e en Caranza. Ademais, a concesión da praza para o comedor sénior inclúe o seguimento persoal de cada usuario, polo que as técnicas responsables están en permanente contacto para calquera cuestión que poidan xurdir.

Detección de outras problemáticas sociais

A edil de Benestar explicou que no servizo de comedor son detectadas moitas veces outras problemáticas que se canalizan ás correspondentes Unidades Básicas de Traballo Social (U.B.T.S). Actualmente, un total de 43 persoas están acudindo aos comedores sénior que están en funcionamento -25 no de Río de Xubia e 18 en Caranza-, polo que se atopan 17 prazas dispoñibles entres os dous. O servizo municipal de Comedores Sénior está dirixido á mellora do benestar e calidade de vida das persoas maiores de 65 anos e o prezo total do menú é de 5,50 euros. O Concello de Ferrol asume o pago dunha media de 4,90 euros ao día e por persoa, o que supón o 90% do prezo total do menú.

25 de outubro de 2013 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.