Ferrol executa obras de mellora no cemiterio municipal de Catabois
A Concellería de Servizos e Medio Ambiente do Concello de Ferrol, que dirixe Borja Carro Muñoz, informou hoxe sobre as obras que o Goberno Municipal está a executar no cemiterio de Catabois. Esta actuación corresponde á instalación de sete cuartos de baño, un deles para persoas con mobilidade reducida.
Ata o de agora, os operarios municipais finalizaron os traballos de alicatado en seis cuartos de baño, 3 de homes e 3 de mulleres, e continuarán hoxe coa instalación eléctrica dos mesmos. Así, a vindeira semana comezarán a colocar o falso teito e as pezas do baño dos seis aseos, e tamén a instalación dun tubo para canalizar a auga e o desaugadoiro cara un sétimo cuarto de baño para minusválidos. Tódalas obras teñen previsto concluír antes das festas de nadal.
Esta actuación responde a unha demanda veciñal. A Administración ferrolá dispuña dun proxecto para dotar destes novos aseos ao cemiterio que se remonta ao mandato anterior -ao redor de tres anos atrás- e o custe do mesmo ascendía a 40.000 euros. Os traballos postos en marcha polo actual Goberno Municipal corren a cargo de operarios da cuadrilla municipal de Obras, polo que dito custe quedará reducido en exclusiva ao subministro de materiais.
Aseos provisionais
Ademais, as persoas que acudan ao cemiterio de Catabois con motivo da festividade de Defuntos e de Tódolos Santos poderán facer uso de catro aseos provisionais.











