Ferrol e o Club Ciclista promoven o uso da bicicleta con novas marchas ciclistas populares
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o calendario de saídas da nova tempada das Marchas Ciclistas Populares 2013-2014, un clásico dentro dos eventos deportivos para afeccionados que organiza o Concello de Ferrol en colaboración co Club Ciclista Ferrol. A edil ferrolá estivo acompañada do presidente da devandita entidade deportiva, Juan Manuel Martínez Rey, na presentación destas rutas en bicicletas, que comezarán o día 27 de outubro.
Martínez Galdós detallou que nesta edición haberá un total de nove saídas, que como sempre se intenta que coincidan co último domingo de cada mes. Así, a primeira delas terá lugar este domingo e a última celebrarase o 15 de xuño, con motivo do Día da Bicicleta. A titular de Deportes explicou que, co obxectivo de favorecer a participación de todo o mundo, a distancia a percorrer nas rutas irá aumentando conforme avance a tempada, de tal xeito que os participantes empezarán completando distancias pequenas –a primeira “marcha” será de 8 quilómetros, aumentando ata os 15 na saída programada para o día 25 de maio.
A responsable das políticas deportivas do Concello de Ferrol recalcou a gran participación destas marchas populares “que no ano pasado nalgunhas delas superáronse os 350 ciclistas”. Por último, a edil ferrolá agradeceu o traballo da Policía Local e de Protección Civil, que garanten a seguridade e o normal desenvolvemento das probas; así como á iniciativa privada que colabora na realización deste evento.
Fomento do uso da bicicleta
Pola súa banda, Juan Martínez, do Club Ciclista Ferrol, insistiu que estas saídas pretenden fomentar o uso da bicicleta “con carácter lúdico, familiar e tamén como medio de transporte alternativo”. En relación aos horarios das marchas, todas elas sairán ás 11.00 horas da praza de Armas, agás a que terá lugar con motivo do Día da Bicicleta -15 de xuño-. Ao final de cada ruta haberá sorteo de regalos para os participantes e, dende a organización, lembrase que é obrigatorio o uso do casco. O calendario desta nova tempada de Marchas Ciclistas Populares pódese consultar na seguinte páxina web: www.clubciclistaferrol.es











