Ferrol crea un plan especial de tráfico con motivo das obras do colector no paseo de Irmandiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Policía Local de Ferrol informa que con motivo das obras de execución do colector e interceptor xerais, se activará un dispositivo especial para regular o tráfico rodado na zona Centro da cidade que afectará á circulación rodada no paseo de Irmandiños e na rúa da Igrexa. Este plan específico entrará en funcionamento o  vindeiro martes, día 29 de outubro, e estará operativo ata o 22 de febreiro de 2014.

Segundo indica a Policía Local, estas obras de saneamento requiren a ocupación total da calzada do paseo de Irmandiños na zona de actuación polo que será establecido un plan de tráfico específico. Así, o paseo de Irmandiños se cortará ao tráfico dende o  29 de outubro até o 22 de febreiro de 2014, permitíndose soamente os accesos aos aparcamentos e aos peiraos de carga e descarga do Mercado da Magdalena e da peixaría. Así mesmo, e para a mellora da conexión entre a zona portuaria e o centro da cidade e os barrios de Esteiro e Caranza, se establecerá un dobre sentido de circulación na rúa da Igrexa, dende a rúa Coruña ata a rúa Rastro e cambio de sentido dende a Praza de Galicia. Neste senso, para poder establecer o dobre sentido na rúa da Igrexa, quedará prohibido o estacionamento de vehículos dende a Praza de  Galicia ata a rúa Rastro entre o vindeiro martes, día 29 de outubro; e o 22 de febreiro de 2014.

Ademais, conforme avancen os traballos, se prevé que do 20 de decembro ao 8 de xaneiro se recuperará un carril de circulación no paseo de Irmandiños.

24 de outubro de 2013 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.