Ferrol celebra o Día Internacional das Persoas maiores nos comedores sénior da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol celebrou hoxe o Día Internacional das Persoas Maiores, no que foron homenaxeadas as persoas de maior idade de cada un dos comedores sénior da cidade, situados no Ensanche A –rúa Río Xubia- e en Caranza. A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro; e a voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros, participaron nesta actividade.

Así, José María Vidal Cabanas, de 97 anos, recibiu unha homenaxe no Centro Municipal de Río Xubia mentres que Elena Torres Regueira, de 90 anos, tivo o seu recoñecemento no de Caranza. A conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores ten como obxectivo concienciar á sociedade cada vez máis envellecida dos valores e as vantaxes que os maiores aportan na nosa vida diaria. A xornada, estivo amenizada coa música das rondallas ferroláns Bohemios e Sonidos del Alba, que deleitaron aos presentes coas súas cancións típicas da cidade.

A edil de Benestar explicou outras actividades dirixidas ás persoas de maior idade do municipio que se levan a cabo dende o Concello de Ferrol. Así, este ano se realizou un Seminario de Envellecemento Activo no Campus Universitario de Ferrol co obxectivo de “sensibilizar á sociedade en xeral sobre o valor do envellecemento acto, a través de diferentes exposicións de numerosos técnicos/as e propiciando un debate aberto para achegar novas perspectivas de futuro”. Ademais, Rosa Martínez sinalou que dende a súa Área segue a realizarse o proxecto Reverdecendo a Memoria II, que consiste en obradoiros de memoria que son realizados en diferentes asociacións veciñais do termo municipal. Estes obradoiros, que contan cunha gran participación de persoas maiores, foron iniciados no ano 2012.

Actos de celebración anteriores

Nos últimos tempos se vive un progresivo envellecemento da poboación que leva á necesidade de impulsar proxectos e actividades que contribúan á mellora da calidade de vida dos máis maiores. O envellecemento activo e saudable é prioritario para o Goberno Municipal, polo que no ano 2011 se creou o Consello Sectorial de Persoas Maiores. Ao fío disto, os actos do Día Internacional das Persoas Maiores veñen a celebrarse dende o 2011, ano no que se realizou unha mesa de debate sobre os desafíos do envellecemento. Así, no ano 2012 tivo lugar unha homenaxe á persoa de maior idade de Ferrol, contando no acto con distintos participantes de Centros de Maiores, Aula da Terceira Idade, e netos/as.

1 de outubro de 2013 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.