Ferrol acolle un novo curso de lingua castelá para inmigrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol abre mañá o prazo de inscrición do Curso de alfabetización en lingua castelá, que se realiza ao abeiro do “I Plan Local de Inmigración 2011-2014”. A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta mañá deste asunto aos grupos municipais na comisión informativa de Benestar, Igualdade e Xuventude. Este curso de castelán, de carácter gratuíto, está dirixido ao colectivo inmigrante que descoñezan a lingua ou teñan vagos coñecemento da mesma e que queiran acercarse a ela dun xeito dinámico e lúdico.

As persoas interesadas en participar no obradoiro deberá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello ata o vindeiro 12 de novembro (inclusive). Esta acción formativa de castelá se realizará os luns, mércores e venres, en horario de tarde, dende o 13 de novembro ao 11 de decembro (ambos inclusive), na Casa Solidaria. A edil de Benestar Social tamén sinalou que se está levando a cabo o Curso  de alfabetización en lingua galega, iniciado o pasado 14 de outubro e que conta con arredor de 20 persoas. No que atinxe ás nacionalidades dos participantes, os que rexistran maior presenza son os cubanos, seguidos dos colombianos, marroquís e rumanos.

Diferentes actividades

O “I Plan Local de Inmigración do Concello de Ferrol 2011-2014” ten como obxectivo conseguir a convivencia en harmonía de tódalas persoas que residan no termo municipal, independentemente de cal sexa o seu lugar de procedencia e atender ás demandas da poboación con necesidades específicas dunha forma eficiente. Así, a programación do plan municipal tamén inclúe o II Concurso de debuxos para nenos e nenas dos Centros Educativos de Infantil e Primaria (CEIP)  e o I Concurso de redacción para o alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), dirixidos ao alumnado dos CEIP da cidade. Os menores interesados en participar poderán presentar os seus traballos ata o 30 de novembro. Estes obradoiros permitirán coñecer a visión que teñen os nosos pequenos sobre a inmigración, e tamén, realizar unha concienciación e educación preventiva na desigualdade social.

Ademais, con motivo do Día da Inmigración, que se celebra o vindeiro 18 de decembro, serán realizados actos conmemorativos. Entre as actividades que se levarán a cabo, destaca a preparación e posta en escena dunha pequena obra teatral por parte do alumnado dos cursos de alfabetización en lingua galega e castelá. Así mesmo, durante esta xornada farase entregaranse os diplomas dos cursos e os premios dos concursos de debuxo e redacción para os nenos e nenas dos CEIP. Tódolos obradoiros serán impartidos por persoal diplomado e a achega para o conxunto das actividades do plan municipal é de 5.740 euros.

24 de outubro de 2013 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.