Fantoches Baj e a Banda de música de Ortigueira achega a Ortegal “As pombas de Carboeiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOrtigueira
A-
A+

O Teatro de Beneficencia acolle o próximo domingo, 6 de outubro, a partir das 19:00 h, o espectáculo “Ás pombas de Carboeiro”, a primeira proposta de teatro musical que se desenvolve en Ortegal, e que contará coa participación da compañía Fantoches Baj e máis da Banda de Música de Ortigueira.

A iniciativa gratuíta, enmarcada no programa FalaRedes co que a Consellería de Cultura continúa promovendo o uso do galego nos concellos integrados na Rede de Dinamización lingüística, desenvólvese coa necesaria colaboración de agrupacións musicais dos municipios nos que se programa a obra.

No caso ortegano, o espectáculo requiriu dunha intensa fase previa de preparación, ns que os integrantes da Banda de música de Ortigueira tiveron que estudar e ensaiar pola súa conta as pezas que o domingo interpretarán en directo, acompañando musicalmente a historia dramatizada por Fantoches Baj.

“As pombas de Carboeiro” recrea a historia de dous monxes residentes no Mosteiro de Carboeiro que, botando man do enxeño, intentarán convencer ás tropas de Napoleón de que non sacien a súa fame coa familia de pombas mensaxeiras que habita nese emprazamento. As técnicas dramáticas son variadas, aínda que a máis rechamante é a do kamishibai, unha arte xaponesa ancestral que consiste en construír o relato mediante cartolinas impresas, que se sucederán nunha xanela transportada por unha bicicleta.

4 de outubro de 2013 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.