Exposición de traxes tradicionais do grupo folclórico Buxos Verdes no centro cultural de Sigüeiro

Exposición de traxes tradicionais no centro cultural de Sigüeiro
O centro cultural de Sigüeiro acolle ata o próximo 30 de outubro unha exposición de traxes tradicionais da asociación folclórica Buxos Verdes, coa que esta asociación das parroquias de Senra e Cardama celebra o seu 25 aniversario. Unha mostra que foi inaugurada na noite de onte luns polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e que reuniu a máis de setenta veciños e veciñas de Oroso.
Manuel Mirás destacou a “traxectoria espectacular de Buxos Verdes, onde moitos nenos aprenderon a tocar e onde se traballou na recuperación do folclore galego, que se estaba a perder”. Por iso sinalou que esta exposición “rende homenaxe e pleitesía a todas as persoas que formaron parte da directiva de Buxos Verdes, a todos os mestres e a todos os alumnos que pasaron por esta formación nestes 25 anos porque con ese traballo estades facendo máis grande o noso folclore”.
O alcalde orosán advertiu que “aínda quedan lugares onde o folclore é a irmá pobre da cultura. Iso non acontece en Oroso, onde sempre quixemos que o folk ocupe o lugar que lle corresponde”. Neste contexto situou Manuel Mirás o Festival Folclórico Río Carboeiro, celebrado por primeira vez este verán e que reuniu ás agrupacións folclóricas do municipio xunto a grupos chegados da Coruña e de Toledo. “Coa vosa colaboración seguiremos disfrutando moitos anos máis dese festival”, indicou Mirás Franqueira.
Exposición
A mostra está composta por unha trintena de traxes e mantóns tradicionais achegado tanto por membros da asociación Buxos Verdes, como por particulares e outras asociacións como Colexiata do Sar. “Con esta mostra pretendemos facer un repaso polos costumes e as tradicións propias de Galicia”, explica Mari Carmen Fernández, presidenta da asociación, quen sinala que “nela pódense ver tanto traxes de gala como de cotío, media gala, de home, de muller, de nenos…”.
Así, no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro pódense observar un total de sete escenas tradicionais galegas e a roupa axeitada a ese momento: dende pasarrúas coa banda ata roupa de cotío; dende traxes de gala a roupa das fiadeiras. Uns traxes que non só chegaron da comarca de Ordes e da de Santiago, senón que tamén inclúe pezas chegadas dende Mazaricos, Lugo e Val do Miño, todas elas incluídas na escena chamada: “Os nenos xogan”. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 30 de outubro, momento no que será clausurada con un concerto de Buxos Verdes.
Buxos Verdes
A agrupación folclórica Buxos Verdes nace en 1988 grazas á iniciativa duns veciños e veciñas das parroquias de Senra e de Cardama aos que lles gustaba moito a música. Dez anos despois, sendo xa unha agrupación consolidada e formada por 20 membros, crea un grupo de gaitas integrado por nenos e nenas da zona unidos por un interese común: recuperar, difundir, transmitir e conservar o folclore tradicional galego.
Na actualidade, a agrupación está formada por unhas 35 persoas, repartidas entre o corpo e baile, o grupo de gaitas e o grupo de pandereteiras. O grupo de pandereteiras e o de gaitas interpretan pasodobres, rumbas, polcas, marchas e cantos populares de transmisión oral que poñen de manifesto a riqueza cultural do noso país. Ademais, Buxos Verdes estructúrase en tres grupos de acordo coas idades dos seus integrantes:
– O primeiro grupo está integrado polos máis novos (dos 3 aos 6 anos) e interpretan pezas de coreografía sinxela e puntos adaptados ás súas posibilidades tales como muiñeiras populares, Xota de Santiago ou Muiñeira de Darbo.
– O segundo grupo está integrado por rapazas de entre 11 e 17 anos que, na súa maioría, forman parte do grupo dende hai anos. Interpretan un amplo e variado repertorio de pezas que van dende as máis tradicionais acompañadas polo grupo de gaitas (Carballesa, Xota da Peregrina, Muiñeira Vella de Meáns…) ou acompañadas polas pandereteiras (Xota e Maneo de Cabaleiros, Ruada de Bembibre, Muiñeira de Barro, Orellán…)
– O terceiro grupo está formado por rapazas e rapaces de máis de 18 anos e que foron os primeiros compoñentes do grupo. O seu repertorio é moi amplo (Muiñeira da Fonsagrada, Xota de Gonte, Muiñeira de Pesadoira, Xota e Muiñeira de Mangüeiro, Muiñeira de Sabaxáns, Xota de Duio…) e participan en mostras, homenaxes, festas, romarías e festivais nacionais e internacionais. Grazas a eles, Buxos Verdes espalla a nosa tradición, froito dun longo e duro traballo de campo.











