Expoourense será escenario do VI Festival Internacional de Xadrez o 2 de novembro
Baixo o lema “Deporte e Ciencia para a Xuventude” chega á cidade de Ourense a VI edición do Festival Internacional de Xadrez “Ourense 2013” que terá lugar o vindeiro sábado, día 2 de novembro, en Expourense. Esta é a penúltima proba puntuable do Circuíto Galego 2013, que se ven disputando dende maio ata novembro por toda a xeografía galega e que está composto por 15 torneos.
Organizado por Expourense e coa dirección técnica do Clube de Xadrez Ourense, a sexta edición deste festival contará con 300 participantes, que serán mozos e mozas de entre 6 e 16 anos, escolares e federados procedentes de toda Galicia, Castela León e Portugal.
O evento convocará a uns 50 deportistas con ránking internacional; feito que, vencellado á calidade dos premios e á cantidade dos participantes reunidos, convirte a esta cita ourensá nunha das tres máis relevantes do panorama nacional de cara á xuventude.
Todos aqueles que desexen participar neste torneo aínda poden inscribirse ata o xoves día 31 de outubro ás 22.00 horas. Esta inscrición é gratuíta e pode facerse a través do envío dun mail a traxerxadrez@hotmail.com.
A participación neste festival está aberta aos xogadores nacidos dende o ano 1997 en adiante. O torneo comezará o sábado 2 de novembro ás 11.00 h. da mañá co recibimento aos participantes e coa indicación das directrices por parte da dirección técnica. A competición xogarase polo sistema suízo a 7 roldas.
Obterán trofeos especiais os cinco primeiros clasificados de cada categoría e ademais todos os participantes recibirán un trofeo conmemorativo deste festival.
A organización ten preparados numerosos sorteos e premios sorpresa entre os deportistas.
O evento contará coa presencia do vixente campión de España absoluto Iván Salgado, quen realizará unha exhibición de partidas simultáneas ante os vencedores das categorías sub-8, sub-10 e sub-12. Ademais este campión ourensán estará presente na clausura e entrega de premios aos gañadores, quedando a disposición dos participantes para tomarse fotos e asinar autógrafos.
A entrega está prevista para as 19.30 horas do sábado.











