publicidade hoxe

En novembro informarase á poboación sobre os plans de emerxencia da presa do Río Covo e os lodos vermellos de Alcoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoXove
A-
A+

A delegada territorial, Raquel Arias, presidiu unha sesión de traballo encamiñada á implantación dos plans de emerxencias para a presa do río Covo e o depósito de lodos vermellos que a empresa Alcoa utiliza nos concellos de Cervo e Xove.

A delegada subliñou que nos últimos meses houbo unha estreita colaboración entre a empresa e os servizos de emerxencia da Xunta, que “durante este tempo ofreceron apoio técnico para a redaccións dos plans de actuación municipais, determinaron os puntos de encontro en caso de evacuación ou informaron a todos os axentes implicados de como actuar en caso de accidente”.

Os plans de emerxencia determinan as accións a adoptar no suposto de que se produza unha emerxencia derivada dunha incidencia no depósito de barros vermellos ou na presa do río Covo e o dique de Collado, que afectarían en caso de rotura aos núcleos de San Ciprián (Cervo) e Xove respectivamente.

A delegada territorial sinalou que “aínda que o risco de que iso se produza é moi reducido, é precisa a implantación e difusión entre a poboación destes plans de emerxencia para minimizar os efectos dun accidente chegado o caso”.

Así, Alcoa instalou nas zonas de afección sirenas de aviso á poboación, que se activarán en caso de rotura das infraestruturas sinaladas. Nos vindeiros días deseñarase a campaña de información aos veciños e veciñas sobre as medidas de autoprotección que deben adoptar no caso de que se active o plan de emerxencia.

Na xuntanza de participaron tamén os alcaldes de Cervo e Xove, Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro, responsables da multinacional, así como representantes dos servizos de Protección Civil e de Prevención e Análise de Riscos, ambos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Previamente, técnicos de Protección Civil e de Augas de Galicia inspeccionaron as instalacións de río Covo e Xove para comprobar unha vez máis a idoneidade dos plans elaborados.

22 de outubro de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.