Dúas entidades da provincia de Ourense benefícianse duns apoios que suman máis de 122.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria vén de conceder axudas por máis dun millón de euros a un total de 20 federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal para a posta en marcha de máis dun cento de actuacións de dinamización da demanda comercial e iniciativas encamiñadas á promoción das vendas.

Na provincia de Ourense foron beneficiadas dúas entidades cuns apoios que suman máis de 122.000 euros. Así, a Federación de Comercio de Ourense recibirá 111.970 euros e á Asociación empresarial de Valdeorras corresponderanlle 10.500 euros. A axuda da Consellería de Economía e Industria supón un 70% do investimento a realizar. Ademais, os comercios ourensáns tamén resultarán beneficiados das axudas concedidas a catro entidades de ámbito autonómico: a Federación Galega de Comercio, a Federación de Prazas de Abastos de Galicia, a Federación de Libreiros de Galicia e a Federación de Autónomos de Galicia, que recibirán en total preto de 290.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez subliñou o labor que desenvolven as asociacións de comerciantes no fortalecemento do sector. Neste sentido, salientou que con este programa que vén de resolverse a Consellería de Economía e Industria suma preto de 3,5 millóns de euros destinados no que levamos de ano ao impulso do asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade.

O delegado territorial remarcou que “a aposta do Goberno galego polo comercio de proximidade é clara, e isto demóstrase no investimento que está a destinar ao apoio, modernización e dinamización do sector na provincia ourensá, apoiando ás asociacións e contribuíndo á modernización das infraestruturas como as rúas comercias ou as prazas de abastos, entre outras medidas”

No eido do asociacionismo comercial a Consellería de Economía e Industria tamén destinou preto de 2.000.000 de euros ás asociacións de comerciantes de toda Galicia para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos, das cales se están a beneficiar 48 CCA e 23 asociacións de mercados galegos. Rogelio Martínez recordou que este ano beneficiaranse destas axudas 7 centros comerciais abertos e unha praza de abastos da provincia, cunhas achegas que superarán os 231.000 euros.

Tamén está en marcha un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio co que se promoven diferentes actuacións para o impulso ás vendas e o emprendemento no sector.

Xunto co asociacionismo comercial, o fomento da utilización das tecnoloxías da información e a comunicación ou o apoio aos concellos na renovación das infraestruturas comerciais son outros dos piares da estratexia de apoio ao comercio de proximidade da Xunta de Galicia, dentro da cal se levan activado ao longo deste ano programas de axudas por un total de máis de 8,5 millóns de euros.

8 de outubro de 2013 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.