Deputación e Concello da Coruña colaboran na programación cultural municipal e no proxecto de integración social do ano 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde do Concello da Coruña, Carlos Negreira, asinaron dous convenios de colaboración en materia de cultura e integración social, respectivamente

O primeiro destes acordos ten como obxectivo a colaboración no programa de actividades culturais para o ano 2013 da Coruña. Dentro desta programación, o concello desenvolve actividades como a IV edición da Mostra de Cine Periférico; a XVI edición de Viñetas dende o Atlántico; diferentes exposicións e outros eventos de carácter cultural desenvolvidos ao longo do ano na cidade coruñesa. Para este fin, a achega provincial ascende a 240.000 euros, unha cantidade que supón o 80% do orzamento total previsto (300.000 euros).

Ademais, dentro do marco de colaboración entre as institucións provincial e municipal, Calvo e Negreira tamén asinaron un segundo convenio. Neste caso, o obxectivo é a integración social de familias con poucos recursos facilitando os procesos de erradicación do chabolismo e a infravivenda.

A achega provincial neste caso é de 82.000 euros, que supón o 59% do orzamento total que ascende a 138.642,37 euros. O obxectivo deste segundo acordo é establecer as bases de colaboración para cofinanciar o custe das retribucións do persoal dos equipos que traballan nestes proxectos que buscan a inclusión residencial dos usuarios das infravivendas.

29 de outubro de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.