Curso de iniciación á música clásica en Nigrán
O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para o curso “Iniciación á Música Clásica e o seu contexto: audicións comentadas”, que abordará a vida e obra dos grandes compositores da historia da música. O curso, que comezará o próximo 11 de outubro, celebrarase todos os xoves de outubro, novembro e decembro, no Salón de Actos municipal, entre as 11.00 e as 13.00 horas.
Con este ciclo musical de audicións de música clásica comentada os participantes realizarán unha viaxe a través da Historia da Música Clásica, á vez que profundarán no significado e o papel que a música desempeñou no devir cultural do ser humano.
Baseándose na obra e a biografía de cada un dos compositores que integran o ciclo, o obxectivo do curso é que os asistentes gocen do pracer de ouvir música clásica e coñezan a importancia do momento histórico, social, artístico e político que lle é contemporáneo en cada momento. Así mesmo, os docentes do mesmo resaltarán as particularidades destacables de cada un dos compositores estudados, de forma tal que, todo xunto, dea aos asistentes unha información previa que permita sentir a música dunha maneira diferente.
“O obxectivo último destas xornadas é conseguir que os asistentes coñezan un pouco máis e mellor o que representou e representa a música na historia do home e, sobre todo, divertirse mentres se converten aos poucos en auténticos melómanos”, explica a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.
O prazo de inscrición finalizará o próximo 8 de outubro e o prezo por persoa ao mes é de 40 euros. Para máis información e formalizar a matrícula, os interesados deberán contactar co Departamento de Cultura, no 986 36 50 00, ou a través do correo electrónico cultura@nigran.org.











