publicidade hoxe

Culleredo logrará un aforro dun 40% coa instalación de iluminación eficiente na casa consistorial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Casa do Concello de Culleredo presenta unha nova imaxe no seu interior. O goberno municipal acaba de levar a cabo a substitución de iluminación, dotando ás dependencias de tecnoloxía eficiente LED.

En total foron 460 as lámpadas renovadas, das que 190 eran downlights e 270 eran luminarias, coas súas respectivas pantallas. Con esta actuación, o equipo de goberno estima que logrará un aforro nesta factura eléctrica dun 40%. O Concello buscou coa acción tanto a diminución de custos coma a mellora das prestacións da casa consistorial para o cidadán. A nova iluminación suprime o ruído e efecto de pestanexo da convencional.

O aforro non só encontrarase na factura da electricidade. As novas lámpadas ten unha vida útil 12.000 horas superior ás convencionais. Os custos de substitución de lámpadas e de mantemento xeral do sistema son polo tanto menores. O goberno de Culleredo destinou a esta actuación 35.000 euros. O Concello buscou o obxectivo de contar cun sistema de iluminación “eficiente e sostible”, mantendo o necesario servizo para os usuarios.

Esta acción constitúe un paso máis no plan de aforro enerxético de iluminación pública e edificios emprendido polo Concello de Culleredo nos últimos anos. Comezouse a executar no ano 2009 e 2010, aproveitando os Fondos Estatais (Feil-Feels) procedeuse a dotar aos polideportivos e campos de futbol de paneis soares. En dous edificios (Casa da Xuventude e Casa da Terceira Idade) instalouse a enerxía geovoltaica e procedeuse ao cambio de máis de 300 luminarias e equipos, reducindo a potencia de 150 vatios a 100.

Unha segunda fase abordou a iluminación pública coa instalación de redutores de fluxo en 25 cadros, instalación de rareo e redutores de fluxo en 17 cadros e instalación de rareo en 49 cadros, co que se conseguiu que 66 liñas de iluminación pública funcionasen alternativamente, e a redución de puntos de luz en funcionamento de madrugada.

22 de outubro de 2013 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.