publicidade hoxe

Culleredo lanza un novo curso de micoloxía co dobre de prazas ante a gran demanda veciñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Os cogomelos están de moda en Culleredo. Cada ano son máis os veciños interesados en participar nos cursos de micoloxía que organiza o Concello. Por iso, este ano, o goberno municipal decidiu duplicar as prazas creando dúas edicións da actividade e así satisfacer as peticións recibidas.

Os dous curso, de catro días de duración cada un, celebraranse no mes de novembro. A primeira edición, do 6 ao 9 no pazo de Vila Melania de Vilaboa, e a segunda, do 13 ao 16 na reitoral de Celas de Peiro.

O XIX Curso de Micoloxía, organizado dende a área municipal de Biodiversidade enmarcada na Concellaría de Promoción Económica e Formación, ten como obxectivo que as persoas participantes aprendan a recoñecer, buscar e identificar os cogomelos.

A concelleira de Promoción Económica, Marta Iglesias, destaca que os cursos combinan tanto a teoría coa práctica para impartir “todas as competencias” necesarias na materia. A parte práctica desenvolverase o último día de cada curso e consistirá nunha saída ata o municipio de Curtis onde os participantes poñerán en práctica os coñecementos adquiridos na parte teórica, mediante a recollida dos cogomelos, sempre baixo a supervisión do docente do curso.

O horario das sesións teóricas será 20.00 a 21.30 horas. A saída do sábado celebrarase dende as 9.30 ata as 14.30 horas, realizándose o desprazamento ata Curtis en autobús. O custo do curso é de 10 euros.

O Concello oferta 55 prazas para cada curso, é dicir 110, por estrita orde de inscrición (as persoas empadroadas en Culleredo terán preferencia). Só se poderá participar nun dos dous cursos.

Igrexas resalta o “grande esforzo” levado polo Concello para levar a cabo este ano unha segunda edición do curso de micoloxía. “Constatamos un enorme interese polo mundo dos cogomelos e decidimos poñer os medios para atender a máis veciños”, afirma.

A edila apunta que o desexo dos cidadáns non é soamente coñecer a micoloxía, senón adquirir coñecementos para poder levar á práctica polos prolíferos montes da zona.

Para facer a inscrición pódese contactar coa Concellaría no Centro de Formación e Emprego “Pablo Picasso” do Burgo (teléfono 981 664 204).

24 de outubro de 2013 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.