publicidade hoxe

Culleredo humanizará as rúas peonís do Burgo con xardineiras, bancos e aparcadoiro para bicicletas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Tras o arranxo do pavimento das rúas peonís do Burgo, o goberno de Culleredo prepara a humanización do ámbito co obxecto de mellorar o seu aspecto e prestacións aos veciños. O Concello levará a cabo, de forma inminente, unha actuación nas rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte que inclúe varias vías de mellora.

En primeiro lugar, dado o carácter residencial e comercial do ámbito, o Concello incrementará o mobiliario urbano para propiciar o paseo polas rúas. Colocaranse novas xardineiras, que levan asociadas bancos para o descanso dos veciños. Algunhas das xardineiras que actualmente están instaladas manteranse. Outras, as que fóronse deteriorando ao longo do tempo, serán substituídas.

En segundo lugar, para promover o uso do transporte ecolóxico da bicicleta, e dar resposta aos cidadáns que xa a usan de modo cotián, o goberno municipal instalará un “aparcabicis” nas rúas peonís. O interese do Concello en fomentar a bicicleta xa iniciouse coa posta en marcha do servizo de aluguer polo paseo marítimo e o paseo do río Trabe.

E en terceiro lugar, o Concello retirará os colectores soterrados situados na confluencia de Hersa con Sanjurjo de Carricarte. Estes colectores xa non funcionan, ao haber sidos deshabilitados para evitar a entrada de camións pesados que poden danar as lousas do firme. No seu lugar, o Concello dispuxo un parque de colectores de diferente tipo de residuos na avenida de Ribados. Agora, o Concello quitará estes colectores soterrados e emprazaraos noutro punto da trama urbana, co obxecto de dar servizo aos veciños.

Esta actuación, cun investimento aproximado de 30.000 euros, encóntrase en trámites de contratación. O Concello confía en que se poida realizar antes do final de ano. Este proxecto constitúe a segunda fase da intervención municipal prevista nas rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte. A primeira realizouse hai unhas semanas e consistiu na reposición de todas as baldosas danadas polo paso de vehículos pesados.

O equipo de goberno considera esta zona como clave para o sector comercial do Burgo e aposta por realizar os máximos esforzos en que dispoña da estética e recursos necesarios para ofrecer un ámbito de calidade aos veciños e visitantes.

21 de outubro de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.