publicidade hoxe

Culleredo celebra o Día da Muller Rural cunha mostra de iniciativas femininas do municipio e a bisbarra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

A conmemoración do Día Mundial da Muller Rural, fixado pola ONU para o 15 de outubro, ten lugar mañá en Culleredo cunha mostra de iniciativas femininas de éxito. O Concello pretende visibilizar diferentes experiencias de mulleres do municipio e da bisbarra para animar a tirar proveito das posibilidades do ámbito rural.

O acto celebrarase ás 18.00 horas na reitoral de Celas de Peiro. As iniciativas que expoñeranse son as de:
– Manola Sánchez Uzal, gandeira e agricultora da parroquia de Almeiras.
– Nuria Calo de “Ás Camposeiras” empresa dedicada á elaboración de conservas de froitas ecolóxicas e artesanais, en Oleiros.
– Begoña De Bernardo Miño, enxeñeira agrónoma, especialista en agroturismo. Xerente da Casa de turismo rural “A Pousadoira”.

O goberno de Culleredo quere dar a coñecer estas iniciativas e experiencias que se están a desenvolver no concello ou na bisbarra para animar as veciñas do rural a que valoren todas as posibilidades do seu medio. A concelleira de Sanidade e Muller, Penélope López, apunta a necesidade de visibilizar as vantaxes “que ten o feito de vivir e traballar no rural”, moitas veces menosprezadas ou descoñecidas.

López asegura que o rural ofrece posibilidades de emprendimiento, o que supoñen oportunidades de emprego e de desenvolvemento económico do territorio, fomentando así mesmo a igualdade de oportunidades.

Co Día da Muller Rural conmemórase a loita das mulleres por conseguir unha participación activa en todos os ámbitos da sociedade e, de xeito especial, no desenvolvemento sostible, na produción e na seguridade alimentaria, así como tamén no coidado dos nenos e maiores.

14 de outubro de 2013 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.