publicidade hoxe

Culleredo amplía as axudas médicas para os veciños sen recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O copagamento das medicinas non afecta aos veciños de Culleredo sen recursos. O Concello conta xa dende hai anos cunha norma que regula este tipo de axudas a familias con informe favorable de servizos sociais. Agora, no pasado pleno de agosto, o goberno local aprobou unha ampliación, que entrará en vigor a final de ano tras a exposición pública, das prestacións incluídas neste regulamento para abranguer mellor as necesidades do cidadán.

Así, o Concello de Culleredo subvenciona, a persoa solicitante e o resto de membros da unidade de convivencia de ser o caso, dos gastos de medicinas receitadas. Nas situacións de familias que teñan en tramitación a tarxeta sanitaria ou que carezan dela, o Concello poderá aboar a totalidade do importe da receita ata que se solucione esta cuestión.

Os novos conceptos médicos contemplados nesta liña de axudas refírense á realización de tratamentos ou probas médicas ou psicolóxicas. Tamén á aplicación de prótese e ortesis. A realización destas probas ou tratamentos terán que ser motivados por informes profesionais solventes que acrediten a necesidade e que xustifiquen debidamente os gastos a cubrir.

Para acceder a estas subvencións, o equipo técnico dos Servizos Sociais emitirá un informe. Só poden ser beneficiarias as persoas que se encontren nunha situación de precariedade económica que poña en risco a cobertura dalgunhas das necesidades básicas.

Desta forma, o Concello de Culleredo ofrece unha cobertura sanitaria maior á dos medicamentos para considerar técnicas que en moitos casos requiren veciños de tipo crónico ou de determinadas doenzas. O goberno local aposta por este sistema de axudas regulado para contribuír a evitar situacións carenciales urxentes nos veciños de Culleredo. Tamén considera axudas á vivenda, alimentación ou conciliación.

9 de outubro de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.