Creación da rede de voluntariado para mulleres vítimas de violencia de xénero en Marín
A Concellería de Benestar Social do Concello de Marín, a través do CIM, está traballando na creación da Rede de Voluntariado Municipal para acompañamento das mulleres vítimas de violencia de xénero. Con esta iniciativa trátase de organizar unha rede con formación específica en violencia de xénero para colaborar coas vítimas e posibilitar así a posta en marcha das accións necesarias para mellorar a súa situación. As persoas ou asociacións que formen parte desta rede recibirán unha formación e preparación específica de cómo mínimo 40 horas.
Na formación obrigatoria, os temas a tratar versarán sobre as quendas de oficio especializadas para a asistencia letrada inmediata en dilixencias policiais, a tramitación da orde de protección e outros procedementos administrativos relacionados coa violencia de xénero, a atención aos recursos destinados a persoas maiores e persoas con discapacidade e as actuacións de recuperación, a través dos programas específicos de traballo con mulleres vítimas e con homes que exercen a violencia, como son o Programa de Atención Psicolóxica a vítimas de violencia de xénero e o Programa Abramos o círculo, ámbolos dous levados a cabo entre a Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio de Psicoloxía de Galicia. Incluirá nos seus contidos unha mención ás especificacións legais das mulleres vítimas de maltrato estranxeiras.
Unha vez recibida a formación, as persoas participantes poderán formar parte da Rede de Voluntariado Municipal para o acompañamento das mulleres vítimas de violencia de xénero constituíndose unha bolsa de voluntariado rotatoria para acompañar ás mulleres a realizar xestións aos xulgados, centros sanitarios, estranxeiría, avogados e avogadas, así como para a busca activa de emprego ou para actividades de formación, entre outras. As mulleres vítimas que utilicen este servizo deberán cubrir e asinar unha ficha elaborada para cuantificar e cualificar posteriormente os resultados do mesmo. A Rede será xestionada polo persoal técnico do Concello especialista en igualdade e malos tratos en colaboración coas asociacións interesadas. A súa vixencia será dun ano e cando remate o tempo previsto será elaborado un informe pormenorizado da súa utilidade que será achegado á Secretaría Xeral de Igualdade.
Aquelas asociacións ou mulleres que participen recibirán unha beca de formación para asistir e contarán cun servizo de atención a menores para posibilitar a asistencia á formación en igualdade de condicións. Así mesmo, estase a elaborar un regulamento específico para evitar a sobrecarga das asociacións ou das mulleres vítimas que xa superaron situacións de malos tratos.
Actualmente no Concello de Marín é necesario contar con este recurso pois a demanda de atención das mulleres vítimas formais ou non formais da violencia de xénero é moi alta e necesitan acompañamento para xestionar as súas propias vidas.
As asociacións ou persoas interesadas, implicadas na loita contra a violencia de xénero que desexen formar parte desta rede, deben comunicalo no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Marín, antes do día 31 de outubro. O teléfono do Centro é 986891802.
Esta acción está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, a través dunha subvención concedida ao Concello de Marín e mantén coherencia co VI PLAN GALEGO DE IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES. ESTRATEXIA 2013 -2015, onde se recolle especificamente a intención de reforzar a protección e a atención integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e das persoas ao seu cargo a través dunha rede de recursos especializados capaz de xerar unha resposta adecuada ás súas necesidades e a identificación das entidades que realizan programas de voluntariado para vítimas de violencia de xénero coa fin de promover programas de acompañamento.











