Coruña42 cumpre os seus obxectivos en materia de sostibilidade
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que a II edición do Maratón Coruña 42 aprobou en materia de sostibilidade, segundo o informe final presentado por Eixoecología, axencia de ecoloxía urbana do Eixo Atlántico. Malia o gran dato, e seguindo as recomendacións da axencia, dende a organización trabállase xa pensando en seguir mellorando de cara ao ano que vén.
Un dos obxectivos da II edición do Maratón Coruña 42, celebrado o pasado 21 de abril de 2013, era o de converterse nun evento sostible. Eixoecología foi a encargada de elaborar un plan de acción e posterior informe para analizar se eses obxectivos, formulados xunto á organización da carreira e a Concellaría de Medio do Concello da Coruña, se cumpriron. O informe de sostibilidade, que estuda todo o proceso do evento (planificación, organización, realización e recollida), conclúe que se alcanzaron de forma satisfactoria todos os retos formulados.
Para realizar o informe, utilizáronse unha serie de indicadores que permitiron analizar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa, centrándose sobre todo na prevención, reutilización e reciclaxe de residuos, así como na comunicación da sostibilidade.
Neste segundo aspecto ampliáronse as medidas de comunicación habituais e difundiuse a proposta mediante a web municipal e as redes sociais activas para a proba. Os corredores foron informados especificamente de todas estas medidas, tanto na previa do evento como o día da carreira. Ademais, a organización promoveu a adquisición de material de baixo impacto, así como a inscrición online, o uso de papel reciclado en todas as comunicacións ou a repartición de bolsas de plástico degradables dentro doutra bolsa, a do corredor, completamente ecolóxica.
O día da carreira reforzouse a instalación de colectores de recollida selectiva próximos ás zonas de avituallamento e minimizouse o uso de envases do alimento sólido. Para completar a reciclaxe separáronse os tapóns das botellas de plástico de polietileno de alta densidade (2 – HDPE), que foron entregados a unha organización de carácter social, a Terra dos Sonos, na súa campaña de axuda a Lola, unha nena de Cambre. Finalmente recolléronse 2 toneladas de residuos, o 73% deles inorgánicos.
Malia a avaliación positiva do proxecto e tendo en conta os datos do estudo, Eixoecología realizou unha serie de propostas para seguir mellorando nas que xa se traballa dende o Concello. As máis importantes: identificar claramente os colectores para diminuír o número de residuos impropios que se depositan neles e aumentar o número de depósitos inorgánicos pola clara prevalencia deste tipo de residuos. Todo iso, xunto coa implementación de políticas de mobilidade para que aumente o número de atletas que chegan á carreira en transporte público, axudará a que Coruña42 2014 sexa un maratón aínda máis ecolóxico e sostible.











