Coruña Wapa arranca con espectáculos musicais, talleres e desfiles para dinamizar o comercio da cidade
Desfiles, talleres, espectáculos musicais na rúa, performance, concursos, degustacións gastronómicas, rutas de tapas e unha feira de oportunidades de moda e complementos de alta calidade son algunhas das actividades incluídas na II Edición do Coruña Wapa, que arranca hoxe cun concerto vertical en Rego de Auga e que se prolongará ata o próximo 12 de novembro para dinamizar o comercio coruñés e reforzar a imaxe da Coruña como cidade de vangarda.
O evento, organizado pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, dá un paso máis respecto á súa primeira edición, xa que pretende implicar a toda a cidade con máis de medio centenar de actividades en todos os barrios a través de actos en vivo que buscan a complicidade dos veciños, non só dos comerciantes.
Na presentación, Cid explicou que durante as próximas semanas “a rúa será o motor do Coruña Wapa”, un evento que quere ser un punto de encontro entre os comerciantes e o resto dos cidadáns e que aposta por “maridar a moda coas distintas tendencias, co mundo da cultura e da gastronomía” para reforzar o liderado do comercio local e fomentar o consumo.
A II Edición do Coruña Wapa comeza hoxe ás 17.30 horas cun concerto de Yhadira e Hugo Torreiro que actuarán dende o balcón dun edificio de Rego de Auga. Trátase dun concerto vertical, un formato innovador que dará o pistoletazo de saída a toda unha serie de actividades que se celebrarán durante 21 días. Estas son as liñas básicas do programa:
– Os barrios decoraranse por cores para crear atmosferas diferentes. Os elementos e a ambientación para promover os negocios será dunha cor distinta en cada barrio. Así, para Catro Camiños será o verde, o vermello para o Agra do Orzán, no centro dominará o azul, o rosa en Monte Alto e o laranxa en Matogrande.
– Organizaranse máis de medio centenar de actos, entre eles, cinco desfiles de moda, sete espectáculos musicais (street dance, flasmob, clases de zumba, entre outras actuacións) e oito concursos (de graffitis, en Instagram, en Facebook, cinco de modelos). Haberá 20 sets na rúa promovendo os comercios de cada barrio, un taller de fotografía na Ágora (9 de novembro), tamén de reciclaxe e de mercadotecnia, ambos os dous no Fórum Metropolitano, o 4 e o 6 de novembro, respectivamente.
– Street mercadotecnia en rúas e escaparates de todos os barrios. Un camión rotulado percorrerá as distintas zonas comerciais cun espello “máxico” que puntuará con moito humor os looks dos que o desexen. Instalarase un set para que os comercios da zona poidan exhibir os seus produtos e ofrecer os seus servizos aos clientes e haberá un set de reporteiro onde bloggers informarán sobre todas as actividades de Coruña Wapa.
– A moda sairá á rúa como nunca. Nos desfiles poderán participar os veciños de cada barrio, lucirán roupa e complementos dos comercios da súa zona comercial. En total, case un centenar de tendas exhibirán os seus produtos e poderán participar todos os comerciantes que o desexen.
– Celebraranse cinco circuítos de tapas wapas e tamén eventos gastronómicos: unha cata ás cegas na Casa Picasso (7 de novembro) para aprender a aplicar os cinco sentidos na degustación ou un showcooking de algas en San Agustín (9 e 10 de novembro). “Trátase de incentivar a participación de todos os sectores económicos da cidade, especialmente do hostaleiro”, subliñou Cid, quen engadiu que as accións e eventos de Coruña Wapa se celebrarán en espazos moi distintos para chegar a públicos diferentes. Así haberá actos na rúa, pero tamén en espazos como a Casa Picasso, a Ágora ou o Fórum Metropolitano.
A responsable da área de Emprego e Empresa explicou que todas as actividades son gratuítas e que os comerciantes poderán recibir asesoramento individualizado en escaparatismo, deseño de interiores e coñecer e aplicar estratexias para aproveitar comercialmente este tipo de eventos e fidelizar aos clientes. En todo caso, todos os cursos e charlas están abertos a todos os veciños, recalcou Luisa Cid.
FEIRA DE OPORTUNIDADES
A II Edición do Coruña Wapa tamén inclúe unha feira de oportunidades que se celebrará por primeira vez na planta alta do mercado de San Agustín, situación acordada polas asociacións de comerciantes en reunións previas á Mesa de Comercio que se celebra en María Pita cada dous meses. Será o fin de semana do 9 e 10 de novembro de 11.00 a 21.00 horas. O evento tamén contará con talleres infantís polas mañás e demostracións gastronómicas polas tardes, ademais de performance protagonizados por músicos e bailarins.
A concelleira indicou que as redes sociais terán especial importancia con accións continuas en Facebook e Twitter e na web www.coruñawapa.es, onde se organizarán concursos, poderanse ver todos os eventos ademais de vídeos e crearase unha comunidade de máis de 30 voluntarios (reporteiros, fotógrafos, bloggers, artistas, deseñadores) para maior difusión do evento.
Dentro das accións promocionais, o evento inclúe a instalación de perchas xigantes en puntos singulares de toda a cidade como símbolo de sacar a moda á rúa e en todas as imaxes de Coruña Wapa predomina o branco e negro como resultado do concurso de ideas celebrado o pasado mes de abril e en cuxo xurado participaron representantes do comercio coruñés. En bolsas, carteis e demais soportes tamén se combina a tipografía con siluetas de perchas e roupa colgada nelas.
O evento forma, cun presuposto de 180.000 euros, parte da estratexia de desestacionalización deseñada por Emprego e Empresa para dinamizar o comercio local a través de campañas, actividades e accións durante todo o ano.
Os acordos alcanzados co comercio coruñés, que inclúen axudas ás asociacións de comerciantes, a celebración de noites brancas, actividades nos barrios e accións promocionais en distintas zonas da cidade, son outras das medidas impulsadas polo Goberno local para apoiar o pequeno comercio e forman parte do Plan de Dinamización Comercial 2013 pactado polo Concello co sector nas mesas que se convocan periodicamente.











