Correos estrean novas oficinas de atención ao público en Ponte Caldelas

Novas oficinas de Correos
O municipio de Ponte Caldelas dispón de novas oficinas de Correos na localidade dende esta mañá en que operarios do servizo postal procederon a realizar o traslado das vellas dependencias ás recén inauguradas no baixo do número 22 da rúa José López Boullosa.
O Concello de Ponte Caldelas axilizou ao máximo a concesión de licenza de obras e instalacións do novo local, toda vez que Correos precisaba mudarse das dependencias que viña utilizando na Praza da Lama dende hai anos xa que non reunían as mínimas condicións para prestar un axeitado servizo postal.
Así mesmo, o Concello de Ponte Caldelas procederá a reservar unha zona permanente de carga e descarga co fin de facilitar aos operarios da empresa postal unha maior facilidade á hora de prestar o debido servizo aos cidadáns.
Así, as novas oficinas de Correos en Ponte Caldelas están situadas no do número 22 da rúa José López Boullosa e ten unha superficie de 240,40 metros cadrados. De acordo cos datos do proxecto, a nova oficina ten unha superficie útil de 216,65 metros cadrados distribuídos nas seguintes zonas: Vestíbulo de acceso, área pública, dirección, área de vendas, paquetería, circulación, área operativa, almacén, cuarto técnico, cartería, SGIE, área interna (aseos/vestiarios) e outras instalacións.
A vella oficina de Correos estaba situada na Praza da Lama e xa fora obxecto de varias reclamacións por parte dos representantes sindicais de Correos, dende o ano 2007, que entendían que esta non reunía os requisitos adecuados para poder prestar un servizo acorde coas necesidades dos usuarios e os propios traballadores.
Por outra parte, sinalar que o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción pola apertura destas novas instalacións de Correos no municipio que veñen a supoñer unha modernización e mellor atención ao cidadán ao tempo que se dá unha resposta axeitada ás demandas dos traballadores para poder prestar en condicións normais o servizo.











