Cores Tourís analiza o avance na tramitación da parcelaria de Lois en Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRibadumia
A-
A+
Tourís na reunión coa alcaldesa de Ribadumia

Tourís na reunión coa alcaldesa de Ribadumia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou, xunto a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, o avance na tramitación da parcelaria de Lois.

Na visita ao concello de Ribadumia, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar en Pontevedra, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julián Alvira.

Segundo avanzou o delegado territorial, a tramitación da concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia continúa o seu curso e agárdase a presentación do acordo para finais deste mesmo ano ou comezos do próximo. Nestes intres, a parcelaria de Lois atópase en fase de revisión do proxecto co fin de presentar o dito acordo canto antes.

En total, destináronse á tramitación desta parcelaria máis de 2,3 millóns de euros aos que hai que sumar outros 700.000 destinados á mellora de camiños rurais e outras infraestruturas agrarias. “Así, en total, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou a Ribadumia máis de 3 millóns”, explicou Cores Tourís.

José Manuel Cores Tourís engadiu que, dentro das obras de mellora de camiños rurais se atopan incluídas as que se van a realizar este ano grazas ao financiamento de diversos plans para a execución de infraestruturas agrarias e que suporá un investimento total de case 97.000 euros e a través do cal se executarán traballos de pavimentado de pistas entre Sisenla e Tabueiros en Sisán, mellorar o drenaxe da rede de camiños de Lois-Monte Ribadumia e reforzar o firme dos viais rurais de Curuto, Outeiral e Barral..

Tanto Cores Tourís coma Salomé Peña destacaron a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último do grande investimento que a Xunta de Galicia está a realizar nesta zona radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén quixo destacar a colaboración mostrada polo concello de Ribadumia “para que hoxe podamos anunciar a próxima presentación do acordo nesta concentración parcelaria”, insistindo tamén no apoio que a Consellería de Medio Rural e do Mar está a mostrar a este municipio. “Para este departamento autonómico este concello do Salnés é prioritario e isto pode comprobarse a través destes traballos, así como do feito de que o resto de zonas do municipio xa teñen rematada a súa concentración”.

No concello de Ribadumia están concentradas as zonas de Barrantes, Vesomaño, Leiro, Ribamunia I e II e Sisán, que afectaron a 3.240 propietarios e a 1.062 hectáreas.

Comarca do Salnés
Finalmente, a nivel comarcal, en canto ao Plan Marco de mellora de estradas rurais, José Manuel Cores Tourís destacou os 405.648 euros destinados este ano dende a Consellería de Medio Rural e do Mar aos concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova. Estas obras permitirán a pavimentación e ensanche de vías de titularidade municipal, así como mantemento de camiños e mellora de firmes.

Deste xeito, Cambados recibirá 42.193,31 euros para a pavimentación e ensanche do camiño Facho-Correlo na parroquia de Castrelo; O Grove levará a cabo o mantemento do camiño de Rioseco cun investimento de 39.845,91 euros; o concello da Illa de Arousa destinará a axuda de 38.086,57 euros á pavimentación do camiño de Carreirón; Meaño mellorará con 42.486,13 euros os camiños rurais de Galiáns-Lores, Vilariño-Siomes e da rúa Herminia Fariña; Meis, reformará as vías municipais de Rialdonio, O Porrelo e Penente cun investimento de 62.611,44. Ribadumia destinará 44.164,99 euros ao pavimentado de pistas entre Sisenla e Tabueiros en Sisán, e Sanxenxo, 48.157,40 euros para a pavimentación do vial de acceso sur a Punta Montalvo.

Ademais, Vilagarcía de Arousa recibirá dentro do Plan Marco 45.224,36 euros para a mellora do firme de camiños rurais en Galáns-Renza e na rúa do Xogo-Faxilde, mentres Vilanova de Arousa destinará 42.878,5 euros á pavimentación do camiño da Horta dos Padres e Bouza Meán.

24 de outubro de 2013 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.