Contrátase a instalación das luminarias para o adarve da Muralla de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de facer pública a formalización do contrato das obras para a instalación da iluminación no adarve da muralla romana de Lugo, unha nova aposta pola conservación e posta en valor deste monumento representativo da cidade.

Esta actuación únese aos investimentos que a Consellería vén facendo na muralla desde 2009, que superan xa os 2,2 millóns de euros, destinados ao desenvolvemento do Plan Integral de Mantemento da Muralla de Lugo, así como para a restauración dos cubos LXXVII e XXXVIII e a construción dunha rampla de acceso a este ben Patrimonio da Humanidade. Desta forma supérase xa en máis de 500.000 euros as achegas feitas polo Goberno bipartito ao monumento. Así mesmo está en tramitación a execución de consolidación estrutural e restauración do cubo XIII, e estúdase a posibilidade de realizar intervencións nalgún outro cubo

As luminarias, que teñen como principais obxectivos tanto unha mellora estética como de seguridade para as persoas que percorren o adarve da muralla, foron adxudicadas, a través dunha tramitación ordinaria á empresa Restauracións e construcións Luis J. Sánchez, S.A. A obra esta previsto que se desenvolva ao longo de aproximadamente dous meses, e terá un custe de 132.789,07 euros.

Cómpre lembrar que a Consellería – a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural -xa investira case 600.000 euros en toda a instalación da iluminación da Muralla de Lugo no ano 2000. A reposición das luminarias realízase agora despois de que parte das anteriores foran roubadas en diversas ocasións.

Mantemento para catro anos

O Plan Integral de Mantemento da Muralla de Lugo inclúe limpeza e retirada periódica de vexetación, tratamento fitosanitario e coidado do paseo peonil, das escaleiras dos muros exteriores e interiores dos cubos e os lenzos.

Mensualmente realízanse tarefas diversas relativas a mantemento xeral de elementos construtivos e outras instalacións, incluíndo a execución de diferentes obras de reparación e supervisión semanal. Asemade, realízase un informe anual de seguimento do tratamento e supervisión do monumento.

31 de outubro de 2013 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.