publicidade hoxe

Consultores especializados asesorarán en Ponteareas a creación e consolidación de emprego e autoemprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPonteareas
A-
A+
Programa Creación e Consolidación de Emprego e Autoemprego en Ponteareas

Programa Creación e Consolidación de Emprego e Autoemprego en Ponteareas

A deputada provincial Marta Iglesias presentou xunto ó director de proxectos da fundación INCYDE, Enrique Prados, e ó alcalde de Ponteareas, Salvador González, o programa Creación e Consolidación de Emprego e Autoemprego en Ponteareas. Este programa xorde ó abeiro do convenio firmado pola Deputación de Pontevedra e a Fundación para impartir 12 programas formativos en todas as comarcas da provincia.

O curso terá lugar a partir do 11 de novembro no Centro de Desenvolvemento Local do Concello de Ponteareas. Trátase dun programa de oito semanas, distribuído segundo contidos; todos os interesados poden realizar a súa inscrición no Concello de Ponteareas ou a través do enderezo electrónico formacionincyde@depo.es.

Os destinatarios son aqueles emprendedores que conten cunha idea de negocio e desexen realizar un proxecto viable de creación dunha empresa para a súa posterior posta en marcha; tamén os empresarios que queiran consolidar o seu negocio, mellorar a rendibilidade da súa empresa ou avaliar outras alternativas de expansión.

Programa

Sesións de formación conxunta (32 horas)

Impartiranse os contidos xerais do programa co fin de proporcionar coñecementos, ferramentas e habilidades esenciais en cada una das áreas, promovendo as sinerxías e os intercambios de experiencias entre os participantes.

Accións de acompañamento e seguimento individualizado

Destinadas a orientar a cada un, en función do seu perfil profesional e da súa actividade empresarial, no proceso de aplicación e implementación de contidos xerais abordados nas sesión conxuntas de formación.

O obxectivo fundamental do curso é proporcionar una visión global das distintas áreas funcionais da empresa para determinar oportunidades de mercado e desenvolver o Plan de Empresa e o Plan de Mellora, sempre coa axuda de ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha.

Este proxecto pode ser empregado polo promotor non só como guía de referencia para poñer en marcha e consolidar o seu negocio senón que pode servirlle como medio para a súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras.

Os alumnos recibirán formación xenérica e personalizada en áreas coma consultaría inicial, dirección de proxectos; marketing, promoción e comercialización; creatividade, innovación e transferencia de tecnoloxía; aplicacións informáticas, xestión da información, internet  e redes sociais; xurídico-fiscal; finanzas; igualdade de oportunidades; calidade,  prevención de riscos laborais e medio ambiente.

A Fundación

A Fundación INCYDE é unha institución creada en 1999 a iniciativa das Cámaras de Comercio para fomentar e formar o espírito empresarial, mellorar a cualificación dos empresarios e crear e consolidar as empresas. Mantén a maior rede de viveiros empresariais de Europa (96 viveiros na actualidade), na que empresarios e emprendedores atopan o medio idóneo para iniciar a súa actividade.

A Deputación de Pontevedra mantén unha frutífera relación coa Fundación en prol dos emprendedores e dos sectores produtivos claves da provincia. A través desta está a desenvolver unha Plataforma Integrada Intelixente de Servizos Turísticos, que, cun investimento de 2,5 millóns de euros, permitirá que as empresas turísticas da provincia se adapten ás novas esixencias do turismo no tocante ó uso das Novas Tecnoloxías, tanto para a súa oferta e servizos coma para a relación e a información ós propios turistas en tempo real. Tamén colaboran a través de proxectos coma a creación de dous viveiros de empresas, cun investimento de 1,5 millóns, ou a través deste convenio para impartir 12 programas de formación.

14 de outubro de 2013 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.