Concédese a licenza á Diócese de Ourense para rehabilitar a capela de Nosa Señora dos Remedios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá conceder á Diócese de Ourense, licenza urbanística de obra para proxecto básico e de execución do proxecto de rehabilitación da ermida-Santuario de Nosa Señora dos Remedios.

O proxecto será executado a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Diócese de Ourense, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense, e suporá un investimento de 380.000 euros.

A ermida de Nosa Señora dos Remedios, conxuntamente coa Ponte Vella sita nas súas proximidades, está declarada monumento histórico artístico, coa categoría de conxunto histórico, mediante o decreto 647 do 6/4/1961. A capela sufriu un importante incendio en xullo de 2010, polo que se atopa en estado ruinoso.

O proxecto, para o que a Xunta de Goberno deu esta mañá licenza, constitúe unha primeira fase da intervención de rehabilitación e posta en valor da ermida, consistente nas actuacións imprescindibles para a posta en uso do templo:

– Disposición de estadas exteriores en todas as fachadas, e plataforma interior

– Protección dos bens mobles existentes no interior do templo

– Demolición da cuberta e estrutura do presbiterio

– Eliminación de restos de cuberta sobre os aleiros dos muros, e regularización dos remates destes

– Desmontado da estrutura da tribuna

– Execución de drenaxe perimetral

– Limpeza das fábricas afectadas polo incendio e do pavimento interior

– Picado de xuntas de cantería

– Renovación da estrutura da cuberta con madeira de Carballo formando tesorias trianguladas e pontóns do mesmo material.

– Nova bóveda interior de madeira formada por táboas de piñeiro galego sobre costelas transversais tamén de piñeiro.

– Novas carpinterías exteriores de madeira de Carballo

– Execución dunha nova instalación eléctrica

Ermida construída en 1522

Alzada en 1522 no denominado Campo da Verdade, posteriormente coñecido como Campo da Feira, foi mandada construír por Francisco Méndez Montoto, xuíz, rexedor e procurador xeral da cidade de Ourense, sendo consagrada en 1525. Foi reedificada, suponse que na súa práctica totalidade en 1584, por Alonso Méndez Montoto e recompúxose por parte de Juan Méndez Guerrero en 1842. A construción ten planta rectangular e consta de 3 naves separadas por 4 columnas a cada lado, de gran altura con capiteis coa decoración da época da súa construción. Ábside rectangular, máis baixo ca nave, con bóveda de nervos e arco triunfal rebaixado. Na nave lateral este atópase o sepulcro do fundador, con estatua orante, de xeonllo, e con vestimenta militar. Debaixo, centrado no sepulcro, o escudo dos Méndez.

A fachada principal caracterízase por ter poucos adornos, no centro da mesma destaca a porta principal, con arco de medio punto e dintel, construción típica do renacemento. A ambos lados, dúas fiestras, unha na parte baixa e outra na alta, e os escudos dos Méndez e os Montoto. No centro da fachada, e sobre a imaxe da Virxe, un rosetón con oco cruciforme de círculos.

Informe do Consello Consultivo sobre servizo de limpeza

A Xunta de Goberno Local tamén abordou o expediente iniciado polo Concello para avaliar un posible exceso de facturación por parte da empresa Procedementos de Aseos Urbano, PAU, no servizo de limpeza de edificios municipais. O expediente atópase na actualidade en fase de ditame por parte do Consello Consultivo de Galicia, que deberá avaliar a proposta municipal de reclamar á empresa o reintegro de 53.330,38 euros.

Remitido o expediente o 25 de setembro ao Concello Consultivo, a día de hoxe o Concello non recibiu o ditame solicitado, polo que acorda a suspensión da tramitación do expediente ata que o Concello o reciba.

21 de outubro de 2013 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.