Compróbase o funcionamento da nova instalación do EDAR do Umia

Cores Tourís na visita á nova EDAR do Umia
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a nova EDAR do Umia acompañado polo alcalde de Cambados, Luis Aragunde, e a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña para comprobar a posta a punto da instalación que se atopa en fase de probas.
Nesta visita, o responsable territorial tamén estivo acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, o director da obra, Jean Pierre Blanco, e os representantes da empresa adxudicataria e Fenosa.
Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, o proceso de instalación de luz eléctrica na depuradora, único trámite que queda para a súa posta en marcha definitiva, “poderá ser unha realidade en poucas semanas, xa que agora a promotora da EDAR, é dicir, a Mancomunidade do Salnés, solicitará licenza para a instalación desta acometida e, paralelamente se levará a cabo a negociación coa comercializadora”.
Deste xeito, segundo apunto o delegado territorial, “no prazo de menos dun mes estará todo resolto para que esta acometida sexa unha realidade e que se poida así eliminar o actual xenerador de gasoil co que está a funcionar en probas esta EDAR”.
En relación á presenza de olores procedentes desta depuradora, o delegado territorial, apoiado polo director da obra, explicou que “ao ser unha planta biolóxica ao 100% sempre se da o prazo de a lo menos tres meses para que desapareza este tipo de impactos. Sen embargo, neste caso, hoxe puidemos comprobar que non hai practicamente resto de olores. Neste senso, cabe destacar que os prazos recortáronse e o olor desapareceu antes dos tres meses previstos”.
Aínda así, o delegado territorial quixo agradecer aos veciños a súa colaboración. “Sabemos que sempre é difícil acostumarse a unha nova instalación destas características, pero tamén somos conscientes dos beneficios que aportará a comunidade. Por eso queremos agradecerlles a súa colaboración e a súa paciencia”, engadiu.
Pola súa banda, os alcaldes de Cambados e Ribadumia quixeron agradecer a colaboración da Xunta de Galicia na mellora dos saneamentos desta comarca, recordando a importancia da posta en marcha dos traballos do Saco de Fefiñáns e tamén da execución de novos saneamentos en varias parroquias de Ribadumia.
Finalmente, Cores Tourís recordou que a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Umia, situada na parroquia de Barrantes en Ribadumia, significará un importante avance en canto ao saneamento da ría de Arousa, para a mellora da calidade da auga do estuario e tamén para o desconxestionamento da depuradora de Tragove.
O investimento desta infraestrutura, incluída no Plan de Saneamento de Galicia 2000-2015, rozou os 8 millóns de euros e permitirá dar servizo aos concellos de Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Meis, Cambados e Ribadumia, ademais de aos polígonos industriais de Baión, Tremoedo (Vilanova de Arousa), Sete Pías (Cambados) e O Salnés (Ribadumia).
Esta actuación foi adxudicada á UTE “Espina Obras Hidráulicas-COVSA”, que levou a cabo os traballos en tres fases, a primeira foi a ampliación do bombeo de Barrantes; a segunda a estación depuradora e, finalmente os novos colectores. Na rede de saneamento levouse a cabo 430 metros de obras de conexión e colectores, en 683 metros.











