Compostela Cine Classics programa un faladoiro sobre ciencia no cine coa proxección de “Tempos modernos”
Continúan as actividades do programa Compostela Cine Classics, promovido pola Concellería de Centros Socioculturais. Para esta semana está previsto un faladoiro sobre a ciencia no cine e a proxección de Tempos modernos, de Charles Chaplin. O mércores 9 de outubro, ás 20:00 horas, celebrarase no Centro Sociocultural de Fontiñas outro Classicfaladoiro, desta vez destinado a un público familiar. Titúlase Fotogramas de ciencia: a ciencia no cine (e viceversa) e contará coa participación de Mónica Moure e David Ballesteros, de Ceo Aberto.
As proxeccións continuarán o venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, na Sala Agustín Magán (Centro Sociocultural de Santa Marta), con Tempos modernos (1936), de Charles Chaplin. Tras a exhibición do filme, café con cine na compaña de Miguel Anxo Fernández, escritor e crítico de cine. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, tamén ten previsto asistir a esta sesión.
Obradoiro de pequenos cineastas e Pequeclassics
Por outra parte, segue aberto o prazo de inscrición para os Classicobradoiros. En especial, dende a Concellería recórdase a celebración de dous obradoiros destinados ao público infantil.
O Obradoiro de pequenos cineastas: Rodamos unha peli! está destinado a nenos e nenas de 7 a 12 anos. Permitiralles vivir a experiencia de gravar unha mini película, aprendendo os distintos oficios do cine. Este obradoiro realizarase do 22 ao 25 de outubro, en horario de 18:00 a 20:30 horas, no CSC das Fontiñas. O prezo é de 14 euros e a inscrición pode formalizarse no propio centro sociocultural de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
O segundo dos obradoiros é o denominado Pequeclassics, dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Este é un taller creativo para achegar os máis pequenos a algúns dos títulos do programa. Celebrarase do 12 ao 15 de novembro, de 18:00 a 19:30 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta. A inscrición é gratuíta e pode facerse no CSC de martes a venres, de 17:00 a 20:30 horas; e os sábados, de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 horas.











