Comezou a execución dun paso inferior na estrada PO-103 no municipio de Salvaterra do Miño

Visita ás obras de acondicionamento do paso inferior da estrada PO-403
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada do alcalde da localidade de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal, realizou esta mañá unha visita ás obras de acondicionamento do paso inferior da estrada PO-403, concretamente no punto quilométrico 6+450 ao seu paso polo termo municipal de Salvaterra, que está a executar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a través da Axencia Galega de Infraestruturas.
Cun investimento superior aos 110.000 euros, a actuación consiste na mellora das pendentes existentes no paso inferior, pero tamén nunha mellora xeral da zona, tanto no que se refire ás pendentes coma noutras medidas dirixidas á recollida de augas e o perfilado de taludes. O obxetivo non é outro que mellorar a seguridade e a calidade desta infraestrutura arranxando as deficiencias actuais da vía e o seu entorno.
As obras comezaron a semana pasada e contan cun período de execución de 2 meses, co que se estima que a finais do mes de novembro poidan estar completamente rematadas.
Actuacións concretas
Na actualidade, as pendentes na rampla de entrada do paso inferior teñen un desnivel do 21,54%, polo que coa actuación en marcha, se pretende reducir ata chegar ao 11-12%. Doutra banda, a pendente na rampla de saída acada na actualidade o 21%, e queremos reducila ata aproximadamente o 13%. Ademais, vaise dotar de beirarrúas a ambas dúas ramplas de entrada e saída, cunha anchura de 1,80 metros.
Como actuacións complementarias, tamén importantes, vaise proceder á recollida e canalización das augas pluviais e ao acondicionamento xeral do entorno, perfilado de taludes e mellora dos anchos das plataformas, ata acadar os 7 metros na entrada e aos 5 metros na saída.
Procederase tamén ao afirmado de todo o paso inferior cun paquete de firme de 30 centímetros, consistente en 5 centímetros de mistura D-12, 5 centímetros de mistura S-20 e 20 centímetros de zahorra artificial ZA-25.











