Comezaron as prácticas dos alumnos do curso “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alumnado que está a realizar o itinerario formativo con certificado de profesionalidade “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” organizado pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol comezou o luns, día 14 de outubro, as prácticas profesionais en empresas. Esta segunda edición da acción formativa enmárcase dentro do proxecto “Ferrol punto de emprego II”, e foi iniciada o pasado día 15 de xullo coa formación teórica das 15 persoas desempregadas –13 mulleres e dous homes- que foron seleccionadas polo equipo técnico do proxecto para participar nesta iniciativa de inserción laboral.

Trala formación teórica, que se impartiu nos locais de IFES-UXT en Ferrol homologados pola Xunta de Galicia para impartir esta especialidade formativa, o alumnado comezou o luns 14 a parte práctica do curso, na que terán que completar un total de 160 horas de práctica profesional na Residencia Xeriatros-Ferrol, en Xeriatros Narón, na Residencia de Persoas Maiores de Laraxe e na Residencia Mi Casa. A duración total deste itinerario formativo é de 560 horas e rematará o día 28 de novembro de 2013. A edil ferrolá de Emprego, Martina Aneiros Barros, explicou que o curso ten como obxectivo “capacitar ao alumnado para atender a persoas dependentes no ámbito sociosanitario das institucións, aplicando as estratexias deseñadas polo equipo interdisciplinar competente e os procedementos para manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno”.

No mes de xaneiro do ano 2012, o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia un acordo para que este itinerario de formación, impartido no marco do programa “Ferrol punto de emprego II” da Administración municipal, supoña a acreditación a través da expedición do correspondente certificado de profesionalidade. “Ferrol punto de emprego II”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

15 de outubro de 2013 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.