Comezan as reunións para sentar as bases da nova ordenanza de protección contra a contaminación acústica na cidade herculina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Reunión de representantes veciñais, hostaleiros e do Concello

Reunión de representantes veciñais, hostaleiros e do Concello

Os tenentes de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas; e de Seguridade Cidadá, Martín Fernández Prado e Julio Flores, respectivamente, entrevistáronse esta mañá cos representantes das dúas federacións de veciños e cos da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría para comezar a sentar as bases da nova ordenanza municipal que regulará a protección contra a contaminación acústica, que actualmente está en fase de redacción e que vai substituír á normativa vixente aprobada hai 16 anos.

Os concelleiros manifestaron a súa intención de desenvolver dúas ordenanzas específicas, unha para licenzas e outra para o control da contaminación acústica, pois na actualidade están as dúas nun mesmo texto articulado. O principal obxectivo é traballar na mellora das condicións de calidade acústica na cidade e tamén permitir a música ambiental nos establecementos de hostalaría que cumpran os requisitos de insonorización para garantir o dereito ao descanso dos veciños. Deste xeito, o Concello traballa na redacción dunha nova norma que permita conciliar a actividade económica da hostalaría cunha mellor calidade de vida dos veciños.

Flores e Fernández Prado explicaron aos representantes de veciños e de hostaleiros que o borrador da ordenanza de control da contaminación acústica se encontra en fase de redacción, despois de cumprir o trámite previo da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM), que contén a actualización do mapa de ruídos da cidade, e á espera de que a Xunta traslade a nova normativa de ruído autonómica, que axudará a axustar a futura ordenanza municipal e que podería estar listo para a súa aprobación inicial a finais deste ano ou principios de 2014. Os concelleiros solicitaron a súa colaboración aos representantes de veciños e hostaleiros para que dean traslado de todas aquelas iniciativas que poidan mellorar o articulado da nova norma municipal.

24 de outubro de 2013 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.