Comezan as obras de mellora dos accesos ao polígono desde a DP-1909
Os alcaldes dos Concellos da Laracha e de Carballo, José Manuel López Varela e Evencio Ferrero, mantiveron hoxe unha reunión –acompañados por concelleiros de ambas Corporacións, o director de obra e responsables de Construcciones López Cao, a empresa contratista- no lugar de A Xesteira para coñecer persoalmente o desenvolvemento dos primeiros traballos da obra de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde a estrada provincial DP-1909.
Tal e como se estableceu no convenio de colaboración entre ambos municipios -os promotores da obra- para o desenvolvemento desta actuación, o Concello da Laracha liderou o proxecto, foi o encargado de realizar o proceso de contratación e adxudicou as obra por uns 224.000 euros, contando cun financiamento de case o 80% por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
Durante as próximas semanas realizarase unha mellora integral dos 2.814 metros de lonxitude da estrada que comunica A Xesteira (A Laracha, no acceso ao parque empresarial) con Castelo (Carballo, parroquia de Vilela), contemplándose a completa pavimentación en aglomerado asfáltico en quente, a ampliación da calzada en determinados tramos que así o permiten para alcanzar unha anchura de 6,30 metros e a canalización para a recollida de augas pluviais.
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, salientou a importancia de promover proxectos conxuntamente con outros municipios para compartir gastos e aumentar a puntuación nas convocatorias de axudas por parte das diferentes administracións. Neste sentido, o rexedor larachés salientou que esta coordinación entre concellos permitiu, tamén, acadar o financiamento para o soterramento das infraestruturas eléctricas en A Piña e, neste caso con Arteixo, organizar un novo obradoiro de emprego que se porá en marcha en próximas datas.











